Secho “Recuperar”

Setembro 03, 2021

Co selo Discos da Máquina (Caxade, Ataque Escampe, Grampoder … ) debutara Secho, daquela asinando como Secho y los Invisibles. Chamábase “Xa fai un tempo” e nada menos que cinco anos despois reaparece para “Recuperar” este proxecto. Segue a ser de cancións de corte pop folk con claro selo norteamericano, pero desta vez non pode pasar desapercibido. O crecemento é máis que notábel, arrodeado dun grupo de instrumentistas ben compacto para acabaren de matizar esas cancións que conservan o carácter minimalista, de aparencia sinxela.

Coa súa voz como anenada, Secho conta e canta sobre emocións da vida, sobre “As cousas pequenas”, as que titulan esa apertura encantadora na que se acompaña do rapeado de García MC. Ademais desta cómpre citar as outras colaboracións puntuais: Guadi Galego na voz e Figui na harmónica en “Un canta e outro escribe” e Sabela Galbán nos coros e a frauta traveseira en “29” e o acordeón en “Falando un pouco de ti”. Aquí tamén brilla sutil o trombón de Manuel Espiño, ao igual que en “Un Ironman” e no estupendo adianto que foi “As sensacións”, da man dun videoclip ben bonito, por certo.

Todos estes detalles de elegancia comedida, canda o labor máis frecuente de Dani Riveiro (Percusións), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica), súmanse á voz característica e os versos de Secho (que si fecha en solitario en “Correr diante dos grises”) para nos ofreceren un disco de escoita ben amábel. Algo máis de media hora para un traballo pracenteiro, acabado coa suavidade dun aloumiño que se reparte en once exemplos de “cousas pequenas” ás que debemos prestar atención e coidar.

Pepe Cunha, 3-setembro-2021

Facebook