Con quince edicións xa na Illa de San Simón, só as persoas máis desconectadas non saberán que “hai un festival de música nunha illa onde non sabes quen vai tocar”. Apareceu en revistas de música, de tendencias e en xornais de información xeral. Aquí mesmo, todo o bo que caracteriza e distingue esta cita foi repasado practicamente todas as edicións pero, malia o risco de nos repetir, é de xustiza volver sinalalo. E máis aínda cando a maioría de citas festivaleiras semellan cortadas polo mesmo patrón e obvian ora as boas prácticas, ora uns mínimos de orixinalidade, gusto ou curiosidade. Cada ano falamos con persoas que o proban por primeira vez e recoñecen que, en conxunto, non hai outro igual.
O SinSal mantén un guión consolidado e adaptado á Illa para formaren un ecosistema de seu. Ten a loxística engraxada para as 800 asistentes diarias nos desprazamentos en barco desde Meirande e Vigo, coida as súas ofertas musicais, gastronómicas, as actividades paralelas e a organización devolve un sentido verdadeiro a expresións que de tan manidas evitamos usar. Comecemos con poñer en valor, adaptarse, respectar a natureza e divulgar a historia de San Simón coas súas accións e publicacións, con roteiros guiados ou códigos QR en diversos puntos do arquipélago. Tamén ofrece a experiencia de desconectar do habitual, situándonos nunha illa onde pasear, sentar, aprender, experimentar e escoitar atentamente ou bailar. Finalmente, no cerne, na esencia, encontrámonos cun cartel musical diverso, pero de verdade e con criterio, inzado de ocasións primeiras e/ou únicas de ver artistas de diferentes partes do mundo, de tradición, de modernidade, da conxunción de ambas e de reencontro con tendencias máis habituais, que non comerciais, do amplo espectro do pop-rock. Teñamos en conta que o Sinsal de 2025 presentou un total de 17 debuts na Galiza, 12 de eles en España.

FIN DEL MUNDO
Nesta parte musical talvez foi o ano que menos compracido saín, mais con catro ou cinco concertos abraiantes (Bitoi, Rocío Guzmán, Throes + The Shine, Cocanha, Ivo Dimchev …) e a singularidade habitual da programación vou ben servido e xustifico repetir e recomendar un ano máis. Desde a entrega total ao baile até escoitar absortas e con atención, todas temos algún momento no SinSal e, como mínimo, abrimos as orellas e vemos premiada a nosa curiosidade. Así é desde aqueles principios do SinSal, aínda que hai tempo que a xente máis melómana, curiosa ou menos mainstream foi deixando sitio a outra cunha mentalidade máis hedonista dun xeito invasor, no sentido de que non se adaptan ao contexto, que van como a un festival tipo “macro”. A pesar do risco de cheirar a elitista cultural, cómpre dicilo porque as xentes tamén marcan os lugares, as citas, e hai quen amosan unha estimulación excesiva, fuman fóra das zonas habilitadas, descoidan un pouco o tema do lixo e a sustentabilidade (non hai papeleiras na Illa senón un Punto R, non hai vasos “novos” coa programación …) e falan en exceso durante os concertos. Disque é o signo duns tempos posteriores á pandemia que nos encerrou nas casas. Eu prefiro apelar ao civismo e maneiras boas, algo pouco controlábel por unha organización que facilita que todo sexa convivencia, atención e respecto. Sen deixar de bailar, oia, que este ano houbo abondo para iso.

BITOI
Como o venres era xornada festiva polo Día da Matria Galega, este ano tivemos tres días completos de directos, obradoiros, audicións, visitas guiadas e mesmo pequenos showcooking porque, a carón dos concertos (32 bandas e solistas de 17 países), houbo Audicións Malmequeres, Sesións San Simón, Exposición A Escola Sinsal (a historia da música gravada en Galicia), Descubre San Simón, o laboratorio creativo interxeracional Caderno de bitácora, a visita guiada con Amarturmar (asociación de mulleres de homes do mar de Cesantes) ou A cociña Sinsal con produtos de proximidade. Ademais, acorde cos Letras Galegas deste ano adicadas ás cantareiras e pandeireteiras, os desembarcos na illa foron recibidos cada día coa música e os cantos de, respectivamente, Escaravellas amigas, Escaravellas e Tanxedoras.

COCANHA
Na primeira xornada, abriu os concertos o proxecto barcelonés Azulceleste, que nos situou nas coordenadas dese suave pop-folk electrónico experimental duns Bon Iver ou Sufjan Stevens. Tras elas, e como única actuación no escenario recollido e silencioso Santo Antón Rock’n’Roll, gozamos das occitanas Cocanha que, coa súa reinterpretación do canto tradicional desde o coñecemento e a memoria, resultaron do mellorciño desta edición; como o foran no seus anos outras anovadoras da tradición como as estonianas Duo Ruut ou as catalás Tarta Relena. Tras elas, e xa alternando os palcos principal e Buxos da illa principal, foron sucedéndose os concertos. WaqWaq Kingdom mesturaron tradición xaponesa e vangarda electrónica. Os indonesios Ali mecéronnos co seu pop-rock psicodélico e instrumental. O multifacético artista búlgaro Ivo Dimchev impresionounos coa súa tremenda voz sobre base electrónica e altas doses de romanticismo, simpatía e irreverencia. Fidji Kitxora foron embaixadores da nova escena urbana lisboeta e a electrónica do tunesino AMMAR 808 fechou a xornada. Cómpre comentar tamén as sesións da viguesa BFlecha e que a Orquesta Clásica de Vigo, representada en formato sexteto, reconstruiu, grazas a unha partitura de Teódulo R. Páramos, unha película “perdida” de 1935: Canto de emigración.

IVO DIMCHEV
Este ano a presenza galega nos concertos de palco foi menor da esperada, limitándose aos bergantiñáns Chicharrón, que abriron baixo un sol potente e reforzaron o seu pop minimalista e independente nun par de cancións por Marco Maril que nesta xornada de sábado lembraría os seus anos 90 radiofónicos e composteláns nas Audicións Malmequeres. Deseguido cara ao escenario de Santo Antón, onde manda o silencio e esperaba a surcoreana Dasom Baek (백다솜), ben acaída co seu portátil ao servizo das súas voz, respiración e sons ancestrais. De volta no escenario principal agardaba unha desas propostas tan sinsaleiras tamén, cun concepto de kraut-rock, poesía e improvisación. Iso si, o público potencial dos londinenses Good Sad Happy Bad pagou o sol que petaba con moita intensidade na illa principal a certas horas desta finde. No Buxos, e tamén desde Londres, chegou outro acerto importante desta edición: o pop-rock afterpunk duns Dog Race que engancha case á primeira. Poden ser unha desas bandas, como aconteceu con Alt-J, a cuxo éxito se adianta o festival para programalas. De feito, apostaron por programalos tamén o domingo e no escenario grande. Alí, a media tarde, chegaba a proposta da activista SAHRA Halgan, que combina rock occidental coa canción do seu país Somalilandia, independente desde 1991 aínda que non recoñecido internacionalmente. De volta no Buxos, a proposta do DJ e produtor Guedra Guedra que se asemellou á do día anterior con AMMAR808, pero desta vez as bases electrónicas mollábanse en ritmos marroquís. Finalmente, chegaron os grandes triunfadores do sábado: a asociación angolana-portuguesa Throes + The Shine, cun directo e un frontman dos que atrapan o público até esgotalos coa súa entrega, interacción e invitación ao baile total a base de electrónica, kuduro e rendición ao tribal. Tremendos.

THROES + THE SHINE
Tanto o sábado coma o domingo 27, engadamos que un cuarteto de saxofóns interpretou músicas populares de principio do século XX en Galicia no edificio da cafetaría, onde tiveron lugar este ano as interesantes Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski a gravar artistas en cilindro de cera. Cómpre achegarse, en silencio, polo menos a algunha. E xa que estamos con actividades paralelas, foi un acerto espallar canda os escenarios a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia, adicada a 16 persoeiros fundamentais na memoria sonora do país desde o século XVII. Por certo, a presenza de actividades hai anos estaba máis enfocada ao domingo, cando se consideraba unha xornada máis para as familias e algo quedaría porque este ano o domingo trouxo case un 10 por cento de crianzas, que se comportaron estupendamente e gozaron tamén de San Simón, dos concertos ou de obradoiros creativos como o do taller vigués Arte&Garabato.

DASOM BAEK (백다솜)
Volvendo aos concertos, as primeiras citas dominicais quedan entre o mellor desta edición. Por fin Rocío Guzmán chegaba a Galiza coa súa fusión de electrónica actual e tradición andaluza. Atrapounos. Fantástica. Iso si, tocou aturar o sol diante do palco porque buscar a sombra significaba aturar fume e palique. O mesmo pasou no seu día con Rocío Márquez e Bronquio. Como empezaba o domingo!, reafirmamos tras o concerto do cuarteto sueco formado por Cassius Lambert ao baixo eléctrico e tres vocalistas incríbeis. Flotamos cos sons inspirados nas aves e a súa linguaxe, nunha experiencia inesquecíbel e emocionante. Tras esta levitación, un cambio total, como corresponde ao Sinsal: o ritmo vibrante e infinito das percusións que dende Uganda traen Arsenal Mikebe. Como mencionei anteriormente, unha banda repetiu este ano, os londinenses Dog Race e non direi eu que non o gañaron. Como están a acadar sona polos seus directos as arxentinas Fin del Mundo, que non paran de xirar e convencer co seu estilo herdeiro do pop-rock independente e shoegaze dos 90 entre outras tendencias. No Sinsal estiveron á altura para quen sabían algo delas. De volta no escenario grande, seica a organización quixo repetir o éxito de concertos máis pop como Rigoberta Bandini ou Will Butler e & Sister Squares pero, sendo esixentes, a austríaca de orixe nixeriana Uche Yara amosou máis pose que miga e non convenceu coa unanimidade das mencionadas. Correcto e con público participativo, iso si. Finalmente, o proxecto marroquí de Asmâa Hamzoui & Bnat Timbouktou, que tamén se estreaba na Galiza.

Asmâa Hamzoui & Bnat Timbouktou
Un ano máis foi pracer e non choio achegarme á proposta sinsaleira en San Simón e asumir este reto de transmitir impresións, con verbas e unhas cantas fotos. Movinme entre o público para compartir expectativas, debilidades, preferencias, filias e fobias, no intento de manter algo de perspectiva sobre unha experiencia que segue a ter como temón a paixón polas músicas e o coidado dun contexto onde apreciármolas. Que viva o Sinsal de San Simón ! Se non existise, habería que inventalo. Como existe, que outros tomen del exemplos.
Pepe Cunha, 31-xullo-2025
para máis fotos:


