Hai discos de debut nos que non tardas en apreciar que chegan de músic@s curtidos. As cancións e as sonoridades veñen maceradas, traballadas con tempo, coas cousas claras e sen présas. No caso desta banda valenciana a “voz cantante” lévaa Miguel Ángel Escrivá, que militaba como baixista en La Pulquería. Comezou compoñer cancións máis repousadas que podían quedar coma pezas de cantautor pero que orixinaron este proxecto de banda de corte pop-rock. Chegados de proxectos como La Pulquería, Madnoise, Obrint Pas, Absenta … , Joseman Escriva (guitarras), Soni Vicent (guitarras) e Marc Guardiola (batería e percusións) consolidan esta formación que se presentou en 2015 co EP “Buenos y malos”.
Agora recuperan esas cancións e suman até 13 nunha proposta para padais con querencia polos nomes clásicos, anglosaxóńs e hispanos, dos 50, 60 e 70. Esas referencias sumadas a influencias populares románticas latinas teñen en “Amigo infiel” e”Ventura” a súa mellor conxunción e cumios da colección. Os coros e as melodías mandan nunhas cancións variadas estilisticamente e que sonan tranquilas, elegantes, cálidas, desas que se van deixando querer por non resultar pretenciosas. Segundo eles, son personais e un interpreta que falan da sorte e as ganas de vivir (“Aún”), a vinganza (“Gusano”), o amor (“Ventura”,”Déjame ser”), a morte (“Esté donde esté”), as horas golfas (“Homenaje”), as viaxes (“No te despidas de México”), certo grao de denuncia (“Buenos y malos”) … e as sentidas homenaxes a amizades “Dani Boy”e “Relax, vaquero”.
Ao igual que non teñen présa por agradar o causar sensación, chaman a unha escoita relaxada: “É un bo disco de estrada”. Este “rock repousado” do que falan non significa en absoluto que as cancions non resulten intensas. A intensidade non vén só da distorsión e eles téñeno claro. Non esperes sorpresas estilísticas, pero si cancións ben acabadas, auténticas. Seguindo eses cánones que sobreviven ás modas entendemos ese nome de Santero coa crenza no rock, a música e esas iconas referentes, pois atopamos pegadas desde Elvis, Beatles, Cash ou Brincos até Sabina, Santiago Auserón, Los Rodríguez, Lichis ou Bunbury por atrevérmonos a citar só algunhas entre unha morea delas.
Pepe Cunha, 16-febreiro-2018