(publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 21 de febreiro de 2026)
O punk é un estilo musical ou unha actitude? Cando sabes tocar, aínda podes facer punk? Pasados os corenta, perdes a fachenda e folgos punkarras? Necesitas a experiencia dos anos para ter discurso? Estas e outras preguntas abondo trilladas resultan acaidas para me enfrontar a un debut que xa desde o nome e o título vén provocar ou mexer, segundo o receptor. Celebremos que haxa bandas *DIY como Sangenjo que fan e comparten o que lles presta, opinan e, se cadra, terán algo de repercusión, sairanlles concertos e axitarán conciencias. Iso si, pintan bastos.
Eis un formato básico de guitarra (Fer), baixo (XX) e batería (Bros), cancións duns dous minutos, directas, ao miolo, tan crúas como efectivas. Letras que apuntan a poses, actitudes, inxustizas ou modas desde unha posición que eles mesmos cantan: `Tes un arma pra loitar, irreverencias’. Ao longo dos quince cortes do disco os textos de XX repasan personaxes e realidades do noso tempo. Critican, sinalan, denuncian cinismos, hipocrisías e incongruencias que todas en maior ou menor medida vemos, caemos nelas ou nos achegamos. E ademais, o chisco de humor, ironía ou sarcasmo vai tamén para eles na canción homónima: “Os de Sangenjo van de guais. Sangenjo, intelixencia en coma, putos faltosos criminais”.
En “Lume en Occidente” adaptan “Fire In The Western World” do trío estadounidense Dead Moon, influencia canda, por exemplo, os primeiros Siniestro Total, Sex Pistols, Radio Océano, Dead Kennedys, Eskorbuto … Imposíbel resistirme a salientar algúns exemplos que sinalan das nosas vergoñas, filias, fobias: “a revolución desde a cadeira do ordenador”, os novos nazis en “Ximnasio e criptomoedas”, o crime do seareiro do Dépor Jimmy en “A rata”, os concertos coma pose en “Ruído Branco”, o “Capitalismo”, os chiringuitos da industria musical, a monarquía en “Ácaros”…
“Deus ex China” é un disco notábel e auténtico de PUNK, gravado ao vivo con Jose “Pepe Guns” García en dous días no Cortello, sen floreos, con letras ferintes e en galego. Todo segundo o canon para “triunfar”, vaia! Outra cousa é entendermos o triunfo como facer o que presta con convicción, sen intereses, quedar a gusto co resultado e compartilo. Poden sentirse satisfeitos malia as probabilidades de non ter a repercusión que merece e quedar noutra anécdota da música en galego. É a lóxica do marxinal, de non encaixar na maquinaria que nos controla, dun status quo cuxo foco está posto en cifras de asistencia, macrofestivais subvencionados, coa intención de pillar cacho no chiringuito e coa complicidade de medios que non divulgan a diversidade. Para eses que andan co de “temazos” todo o día na boca, que escoiten “Mequetrefe”, “Mundo moderno” ou “Baluartes”.
*DIY (inglés Do it Yourself, en galego “Faino ti mesmo”)
Pepe Cunha 21-febreiro-2026


