Véxoos ao vivo e recoñezo posibles pistas no título (“Comportamento natural”) para dicir que Sandford Music Factory son unha formación básica de rock que se expresan con naturalidade. E tamén “Behavior”, coa terminación “or” máis propia do inglés americano; si, rock máis ben americano. SMF traballa dentro dunhas coordenadas marcadas e o que cabe esperar non é que anove pero si que faga cancións dignas e soe robusta, compacta, asimilando con acerto as súas influencias roqueiras. Estas 10 cancións amosasn que si o fan e que o de grunge ou noventeiro vailles quedando curto. E máis se atendemos ao chisco á música tradicional ao comezo e (por que non?) no ritmo de “Old Man”.
Ter un abano de referencias boas non é, nin moito menos, chave do éxito, pero si o molde sobre o que traballar. Os Who máis roqueiros, as bandas dos 70 e as dos 90 e o grunge (Pearl Jam, Stone Temple Pilots, Screaming Trees, Soundgarden … ) sobrevoan a proposta da banda xurdida de San Sadurniño pero se non redondeasen as cancións quedarían nuns meros imitadores ou unha banda do montón. Debutaran con “Melted to Oblivion” (aínda como Sweet Oblivion Band) e continuaron (xa coma Sandford Music Factory) con “Awen” (2011), comentado nesta web e ben recibido por medios máis especializados no rock.
No seu terceiro álbum, xa autoeditado (grazas ao micromecenado) e reincidente na masterización de Alan Douches nos estudios WWSM (New York), semellan centrarse máis nas cancións unha a unha e no seu funcionamento ao vivo, potente e rebordante de enerxía. De aí talvez que non haxa apenas colaboracións no álbum. Unha excepción é o piano de Bélem Tajes na final “Goodbye” axudando a que Fernán acabe de se lucir nunha voz que aínda soa nova e con percorrido. Si, o vocalista segue a convencer, crible, nos medios tempos e no desgarro enerxético de, por exemplo, “Behind the Mirror”. A guitarra é un seguro de rock de patróns clásicos e a sección rítmica mantén o pulso con solidez. Como é normal, o público máis versado nestas correntes apreciará máis matices e prefirirá outras cancións, pero eu quedo coas mencionadas, a que titula o álbum, “Show Time”, “Fade Blue Away” (teclado invitado de Martiño Toro) ou “Dust, Sweat and Love”.
O deseño a cargo de Álvaro Bergantiños, máis apreciable no vinilo, tampouco está nada mal.
Pepe Cunha, 30-xullo-2015