Sandford Music Factory (acústico)

Abril 12, 2012

Para evitar problemas legais con outra banda, os Sweet Oblivion Band mudaron o nome a Sandford Music Factory, polo que non debemos falar de “Awen” como disco debut. Esta condición debe manterse sobre aquel “Melted to oblivion” – comentado neste portal no 2008-, e máis cando a banda saída de San Sadurniño non sufriu cambios na súa formación. Aí seguen as súas referencias no rock dos anos 70 e o que sonaba cando medraron nos 90 (grunge, stoner …), traendo á mente nomes de The Who a Pearl Jam, de Led Zeppelin a Screaming Trees ou de Black Sabbath a Alice in Chains. Nestas aprendizaxes seguen traballando e van no camiño de dotar as cancións dese verniz propio, pero onde xa deron un gran salto foi na mellora do son. Os mimbres interpretativos xa se apreciaban e aquí consolídanse desde o single “Nowhere”: unha sección rítmica potente, un vocalista por riba da media e unha guitarra co protagonismo xusto. As composicións amosan cada vez máis diversidade (ora un chisco punk, ora stoner, psicodelia…), mais segue a botarse en falla un chisco máis de concreción en cada canción. Iso ou apostar por dar renda solta ás súas intencións en temas máis alongados e que precisan máis escoitas, como a final “The Keys of Horizon” dividida en 3 partes. En total, corenta minutos de rock intenso e cortes tan aproveitables coma “There and Then”, Save Me” ou “Marbles”, que de seguro convencen aínda máis ao vivo.
Pepe Cunha, 4-marzo-2012

AXENDA

Facebook