Que mellor xeito de festexar vinte e cinco anos de traxectoria que amosar bo estado de forma cun disco? Isto fai a banda compostelá Samesugas con “White Fire”, unha colección de cancións fiel ao seu estilo, á marxe de modas. Non son prolíficos en gravacións e non aspiran a sorprender e por iso aquí celebramos estas agardadas doses intensas, crúas e inmediatas de rock and roll bañado en punk, garaxe, hardcore … Ao tempo, apréciase tamén que o traballo acumulado e a ilusión mantida lles permite achegar máis matices estilísticos.
Aquí nin se edulcora nin se baixa o volume, porque os Samesugas soan tan viscerais e enérxicos como cando estaban na veintena. Porén, non faltan pezas contidas en canto a velocidade (a propia “White Fire”) ao tempo que a rabia, a tensión e a suor sempre están presentes. Amósano en escasamente media hora, en nove composicións propias e na versión que fecha o disco: “Messenger”, dos estadounidenses Wipers, banda referente do punk rock dos primeiros oitenta. Apenas contan cun par de colaboracións externas, mais son certeiras: o produtor José Martínez “Bonham” fai os coros na rocanroleira “Hard to Pretend” e Paulo Pascual achega o seu theremin a “Endless Shades”, unha das miñas favoritas. Ademais das xa mencionadas tamén salientaría a punk “Justify” e a máis power pop “Meet Again”,
Parabéns a Ramón, Alberte, Álex e Joaquín, que seguen co rocanrol por diante e a cabeza alta. “White Fire” talvez non enganche novos adeptos pero é un disco que resoa a verdade, a independencia, acorde coa reputación que gañou a banda. E tamén fica á altura a presentación física en vinilo co deseño gráfico de Guillotina Estudio.
Pepe Cunha, 28-maio-2025
Escoita e compra aquí, no seu bandcamp
1.It’s Over
2.Justify
3.Meet Again
4.Last Night on Earth
5.Do Barreiro a Lisboa
6.White Fire
7.Garden
8.Hard to Pretend
9.Endless Shades
10.Messenger


