Saltonocribo Folk

Decembro 07, 2012

Saltonocribo Folk.

“Máis aló dos ruídos do mundo, a verdadeira vida é música. Para tímpanos puros non hai maior ledicia que o pequeno son dun gran de trigo que salta nun cribo coma os dedos asaltan unha pandeireta. A invasión da fermosura sinxela. A bomba da delicadeza. O saber da harmonía conectada co fondo primixenio da terra. Aquí están os amores e a palabra popular levada da man de novas curvas melódicas, como están ancestrais ritmos da nosa alegría comunal. Nela sentimos, nela soñamos, nela danzamos, nela somos. Neste disco ofrécensenos a marabilla da composición e o virtuosismo da intuición: tradición renovada. Isto que é botarse a tocar polo corazón arriba. Comunicar cos pés que baten no chan e fusionar o son do río co senso emocional dun alalá. Transmite con maxia xenerosa a creación dun folk fresco de terra dentro. Do interior do son. Do interior do val. Do interior da serra. Do interior de nós. Esta música luminosa nova celebrámola coma un gran de sol que salta de repente nun cribo e permanecerá para sempre brillando na peneira. Escoitade atentos a súa mensaxe profunda: Benvidos á Vida”.

AXENDA

Facebook

Pub Clavicémbalo, Lugo.