Sabela King and the Heartbreakers

Outubro 09, 2019

Coa experiencia de máis de douscentos concertos chega o debut deste trío que expande a cara máis recollida ou sutil de The Lákazans. De feito podemos enganchala coa canción acústica que serve como peche ao último álbum da enérxica banda de Boiro. Coma no disco que nos ocupa, en “My Darling” Sabela “King” cantaba e tocaba o ukelele, e aquí conxúgase co traballo sempre notábel de Ramón Figueiras “Figui” á harmónica e Benjamín Vázquez á guitarra.

Tres Lákazans que sen deixar de se moveren por estilos norteamericanos coma o blues, o soul ou o country tamén chiscan un ollo a outros como o calypso, tan asociado ao ukelele do que se encarga Sabela. Ela tamén asina as seis composicións orixinais que acompañan de catro versións entre notabeis (“Folsom Prison Blues”) e correctas (“Understand your Man”). Ademais destas de Johnny Cash cumpren coa marabillosa “Cupid” de Sam Cooke (“Cupid”) e a intensa “Fais battre ton tambour” de Emily Loizeau.

Este disco gravado ao vivo é un traballo honesto que sirve como carta de presentación máis que correcta para uns concertos nos que crecen até sexteto para así regalaren máis matices a unhas interpretacións que en formato reducido vemos que funcionan perfectamente.

Pepe Cunha, 9-outubro-2019

AXENDA

Facebook