Sabela “Ceniza”

Maio 12, 2023

Catro anos despois de “Despedida”, o disco tras Operación Triunfo e a multinacional Universal, chega para a de Ourol o momento de irse definindo, de se decantar ou apostar por un idea estilística. Non é o primeiro nin o último caso de artista con presión popular, pero Sabela amósase valente e presenta un traballo pouco previsíbel ou accesíbel para un gran público. En troques de sumarse, por exemplo, á moda das músicas urbanas, opta por un pop de corte electrónico con moitos matices. Ese carácter independente ou persoal casa ademais coa idea dalgo necesario para ela: un trocito de mi vida hecho canciones, un trocito de lo que vivo y siento contado a mi manera”.

Vitalmente, nestes anos de popularidade non só traballou na súa formación como artista, senón que tamén aconteceu a perda do seu pai, cuxa morte e figura sobrevoa (e soa nun audio no interludio) e contribúe a dar ao disco un ton sombrío, como o seu envoltorio, e introspectivo: “Cuando hueles ceniza. Es el momento de dejar un rato el mundo de afuera y dar el salto hacia el de dentro”. Xa que logo, temos exploración en dúas vertentes: a de sensacións vitais como nostalxia, recordos, esperanzas, superación … e a musical coa fusión de electrónica e pop traballada en grande medida canda o guitarrista Mateo Bruquetas. En xeral trátase de cancións que tiran á contención aínda que ”Ya no me quiero ir”, “La piedra” e “Lugar divino” inviten un chisco ao baile.

“Ceniza” é un traballo elegante, ben acabado, gravado en estudios reputados nestas sonoridades, como o Reno de Madrid ou Great Dane de Lisboa. Transmite unha elaboración pausada e resulta coherente, uniforme, e só por iso xa merece un achegamento e respecto. Que nos toque, emocione, supere prexuízos, se faga popular ou encaixe nalgunha escea son outros cantares menos controlábeis.

Pepe Cunha, 12-maio-2023

repertorio

Porque tenemos miedo

No sé lo que sientes

Ya no me quiero ir

Peligro de extinción

La piedra

interludio

Cenizas

Mucho love

Lo he intentado

Cidade desexo

Lugar divino

outro