Ryan Adams, xira 25 anos de “Heartbreaker”. Palacio de la Ópera, A Coruña.

Marzo 31, 2025

A celebración dos 25 anos do seu álbum “Heartbreaker” trouxo Ryan Adams a Galiza e o palco apareceu disposto ao xeito dun salón de casa -cadeiras, alfombras e lámpadas- para nos ofrecer un daqueles Unplugged, pois a maioría do repertorio sería acústico. Iso si, asistimos á gravación completa, en cru, sen editar e, como corresponde a este talentoso enfant terrible, presenciamos mostras do seu carácter arroutado e excéntrico. Porén, no estético luciu traxeado e con bolboreta, nada de desaliño, cazadora vaqueira ou camisola. Pintaba elegante a cousa mais sabiamos do carácter do artista, de todo menos compracente.

Podes desacougar ou odialo cando se alonga na súa bronca (non sen razón) a quen andan a amolar cos flashes ou a luz do móbil en xeral (a qué estamos!?) ou divaga nas presentacións dos temas e, un chisco despois, caer rendida a unha das súas interpretacións emocionantes. Foron un total de 25, a maioría propias, pero tamén alleas malia o seu cancioneiro estenso. Nun primeiro bloco repasou/reinterpretou o seu debut fóra da banda Whiskeytown agás a peza máis celebre, que fecharía o serán. Substituina por outra daquela época: “Born Yesterday”. Tras o receso de 20 minutos, chegou a parte máis relaxada e que muda para cada concerto, con estupendas rendicións de “Shame, shame, shame” (Jimmy Reed) e “Not Dark Yet” (Bob Dylan) e unha “Waiting for the Man” (The Velvet Underground) tirando a chapuceira. Esta foi electrificada, como “Bartering Lines”, coa compaña dos axudantes na xira na sección rítmica.

De editarmos as dúas horas e media para quedarmos co puramente musical e estándar, falariamos de notábel alto e interpretacións sobresaíntes, desafine ou se equivoque nalgún momento, desde a abluesada “To Be Young…” até unha impecábel “Come Pick Me Up”, pasando por “Oh My Sweet Carolina” dedicada ao seu irmán. Cadaquén coas súas favoritas mais a min (se non me falla a memoria) encantáronme as mencionadas, “Amy”, “My Winding Wheel”, “Alien USA”, “Desire”, “Shiver and Shake” …

Había que estar, o que quedou claro cuns 3/4 de asistencia entre roqueira-alternativa que recoñeceu un talento das músicas nortemericanas das últimas décadas. Un talento e tamén unha persoa que non agocha o seus pensamentos, emocións e tormentos cando está fronte ao público, e iso non vai co predecíbel.

Pepe Cunha, 31-marzo-2025

AXENDA

Facebook