ruxe ruxe “xigantes”

Abril 20, 2008

Tras máis de dez anos de carreira, os de Aríns xa nin sorprenden nin defraudan, pero si afianzan o bo son que acadaron co anterior “Comercial”. Era de prever entón que repitisen no estudio Casa de Tolos con Pai_Música. Así, coa atinada presenza dos metais dos Mañufe Horns en varios temas e o recoñecible sabor da gaita da banda, os doce novos temas manteñen os seus sinais de identidade: o inconformismo de actitude punk (The Clash por sempre) baña un rock de pelexo duro, con influencias de fora pero interpretado con selo da Galiza bravú. o sinxelo “Xigantes” fala de resistencia (“No vello carreiro, /á túa beira estarei/erguerei a fouce/e nunca acougarei”) “Ferrallas” lembra a esa escola de bandas de rock dos países celtas. “Rock and roll” é iso, rock do de sempre, sen máis complicacións; a temática inconformista das letras de Vituco, máis cercana que refinada ou complexa, acada o seu punto máis claro en “Ratos mortos” (“E pola rúa hai ratos mortos,/corazóns derruídos e casacallos”) ; e hai achegamento ao ska en “Paifoco”. Se falamos de rock galego e en galego, Ruxe Ruxe manteñense coma referencia ineludible. Ademais, no peche “Feliz” acompáñanse das voces doutros referentes: Xurxo Souto, Bocixa (Zënzar”) e García (Dios que te crew),
PEPE CUNHA 20/04/08

AXENDA

Facebook