Sóese dicir que a experiencia é un grao, pero coidado con que non sexa tamén confort, ficar na inercia, no costume ou pouca mobilidade. O primeiro que adoitamos dicir da banda de Aríns é que son unha das veteranas do rock galego, que estaban aquí xa co bravú, que suman 17 discos na súa terceira década de traxectoria … pero o xusto sería dicir que a súa lonxevidade musical leva tempo acompañada de creatividade e bo estado de forma. A integración dos membros “non orixinais” e a aposta por abrir o seu son xa a sinalamos no anterior “O estraño falar dun monstro de aldea”. Se daquela gravaron con Kaki Arkarazo nos míticos Garate, agora volven a casa e nos Laboratorios Soyuz con Xurxo Pinheiro repiten unha produción magnífica, coa que se atreveren con máis tesituras e repetirse o menos posíbel. Ao tempo, non perden a identidade que os acompaña desde o seu nacemento en 1996: cancións honestas vestidas de punk-rock con selo do país.
O título do traballo de seguro ten a ver coa realidade ilusionante da banda nos últimos anos, pois presentan doce relampos “de luz e cor” (como cantan nunha das xoias do disco: “Crebas”) e “fóra chovendo a cachón” (“Onde están?”) e o contexto social, onde sempre están os Ruxe Ruxe, amósase como mínimo bretemoso. O ton xeral é de cancións directas, con retrousos infalíbeis, detalles instrumentais e solos ben colocados. Ademais, a voz da baixista Xulia Fuentes segue a gañar protagonismo, sexa no ska-swing “Vaia onde vaia”, nunha “Onde están?” a maior gloria duns Jam ou “Lévame á festa” de aire tradicional. Tamén nos levan ao indie estadounidense duns Pixies con “Chernobil” e non faltan diferentes variantes do punk: abren moi recoñecíbeis con “Zombies e licores” e colocan no centro os dedos no ollo “Autoodio” e “Viva el Rey”. Finalmente, sería inxusto non mencionar as outras tres cancións roqueiras: a efectista “Radioactiva”, unha máis escura “Frankestein” e “Scórpio”, inspirada na novela de Ricardo Carvalho Calero e que se gravara hai un par de anos para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol.
Ruxe Ruxe volven confirmar que non perderon a rabia, a carraxe, a enerxía, senón que se revitalizaron vocal e instrumentalmente e o álbum que nos ocupa iguala ou supera o seu notábel predecesor. Seguen a abrir o abano de estilos, coa roupaxe que mellor vista unhas letras nas que tamén notamos un Vituco reanimado para cantar ao amor, a nostalxia, a amizade, a vida nocturna … sen deixar de denunciar e reivindicar, ora con sarcasmo ora cunha rabia crúa. Se non fose asi, non estariamos a falar de Ruxe Ruxe.
Pepe Cunha, 1-xuño-2023