“Na fura de diante son quince latexos de corazón vello e consumido. Quince dentelladas de animais fora ialma, de cans doentes e vencidos, de decepcións e liortas”. Así reza o libriño do sétimo álbum da carismática banda de Aríns, esa que leva practicando o rock en galego cunha paixón e rabia punk herdeira daquel movemento bravú. Sen facerlles perder nin un chisco do seu estilo directo, desta vez cómpre salientar a produción de Javier Abreu. Os sinais de identidade seguen aí: riffs marcados que remiten ao rock dos 70 ou mesmo heavy, a gaita de Xaco Barona, o ska-reggae de “Caciques”, lembranzas bravús en temas como “Xurou o vento” os chiscos ao tradicional e a xolda en “Medio meiga” ou “Tabernada”, o compromiso e a denuncia herdados de The Clash ou La Polla Records (escolten senón o comezo de “Amolado”) ou a declaración de principios e referentes da banda de rock “O meu choio”. En conxunto, “Na fura de diante” peca de irregular, pois pezas coma “Señor Kalashnikov”, “Cans” ou “Buratos” contrastan coa excesiva simpleza de“Moi punk” ou “Carmela baila ska” que, non obstante, darán xogo nos sempre cálidos directos da banda. Talvez non sexa o mellor cancioneiro da banda, pero si o seu disco con mellor son e tres das súas mellores composicións.
Pepe Cunha 7-outubro-2010
Featured