ruxe-ruxe ” 20″ “

Decembro 07, 2016

Vinte anos dan para moitas vivencias e cancións, para altos e baixos, para dúbidas e certezas tanto no que unha banda ofrece como na resposta que recebe. O que xa quedou hai tempo demostrado é que a banda de Aríns se fixo dura desde os inicios hai vinte anos até a formación actual, que conserva metade dos veteráns e está a vivir unha etapa ben produtiva, Presentan álbum por ano e amósanse cargados de enerxía no musical e unha mensaxe recoñecíbel: “eu canto para ser libre”, “enredados nalgún bar e doentes por tocar”, “farémonos vellos desnde o escenario” … Aí está a dinamita no centolo da capa do disco que lembra o seu debut no 1999.

Este décimo e primeiro álbum talvez sexa dos máis redondos da súa carreira, pero non por conter cancións grandes, senón por resultar cohesionado e directo. Coas excepcións boas de “Tarde”, “Ingravidade” e “Para sempre”, as cancións son inmediatas e non chegan aos 4 minutos. “Ruído xerminal” abre xa con ese seu característico rock de corte punk, guitarras afiadas e base rítmica potente (“Libre”, “Dodge Charger”), que se acelera até o hardcore en “Soamente unha canción”, “Resistencia” ou “Menudo desastre” ou que combina co ska (“Unidos”) ou que acolle ben eses toques de gaita e saxo que lembran tempos do bravú e mestizaxe en “Banda pantasma” e “Mallou”. Ademais dos 15 temas propiamente do álbum inclúen 2 estalos extra: “Bar-Tolo” e unha versión espida ben achegada ao country daquela “Non temos medo” do 2000.

Como en moitas das bandas referentes estilisticamente para os Ruxe Ruxe, non busques experimentos nin sorpresas. Xa entregaron no pasado peas máis escuras e o que @s fieis agradecen polo xeral son cancións que funcionen nos seus directos, inmediatas e con mensaxes básicas. E aquí van varias, presentadas cun son contundente e produción nítida. Mais tamén haberá quen agradece cando saen algo desa liña, aínda que fagan algo máis complexas as cancións.

Pepe Cunha, 07-decembro-2016

AXENDA