No panorama do pop indie son bastante habituais as cancións con voces entre tristes, deixadas ou naíf, se cadra moi acorde para falar do habitual, dese compoñente de tedio e costumbrismo nas vivencias cotiás, da inseguridade … pero decote tórnanse bastante cansinas, e máis cando a vestimenta musical non é moi aló. Porén, como de calquera corrente algo xeneralizada, de cando en vez agroman formacións que, malia conter varios deses parámetros, sobresaen da media por frescura e boas composicións, que ao final é o que debe trascender. Este é o caso de Rusos Blancos, que gustarán pola boa factura da súa proposta a afeccionados de La Costa Brava, La Buena Vida ou Señor Mostaza, referentes máis ou menos cercanos en canto a sonoridade e textos. No musical constrúen pezas lixeiras con atinados detalles instrumentais aquí e aló sexan folkie, electrónicos, lounge ou funky … pero sempre procurando melodías, retrousos e coros adictivos. “Supermodelo”, “Novia depresiva”, “Tus padres, tu novio, tú y yo”, “Comida para gatos”, “Gorka o Cabano”, “Primera vez” ou “Normandía” son bos exemplos dun álbum máis ca sólido para tratarse dun debut. Nas letras sempre sobrevoan o humor, a ironía e un bo chisco de desenfado para falar sobre relacións persoais, estados de ánimo e citaren lugares e personaxes tan comúns como a cociña, o salón, a habitación dos pais, o queixo Philadelphia, Dylan ou os enfermeros do Samur. Para rematar o bo produto que son as cancións gravaron en El Puerto de Santa María con, si, o omnipresente Paco Loco e no formato físico que edita a galega Ernie completan un bonito deseño que lembra a estética de publicacións de comezos do século XX. Mágoa do erro na listaxe das cancións.
Pepe Cunha, 24-nov-2011