Rufus Wainwright no Auditorio de Ferrol, 4-xullo-2026

Xullo 06, 2026

Rufus Wainwright volveu a Galiza para actuar no Auditorio de Ferrol, recinto ideal para o seu formato solitario e varios centos de persoas que se xuntaban na cidade naval. O canadiano-estadounidense amosou esa calidade e elegancia fóra de dúbidas agás cando colle a guitarra, coa que non se sente nin de lonxe tan cómodo como co piano, e comete algúns erros. Está ben a idea de lle dar algo de variedade á actuación co cambio de instrumento e os comentarios ao público, pero neste caso frouxeou.

Isto se nos poñemos moi esixentes, pois gozar da súa voz, de varias interpretacións ao piano e a marabillosa recta final do concerto xustifican achegarse a coñecelo ao vivo ou repetir experiencia. Resultou insuperábel a secuencia de dous temas de “Poses” (2001), o homónimo e unha brillantísima “Cigarettes and Chocolate Milk”, e os bises “Going to a Town” e a (previsíbel) versión do “Hallelujah” de Leonard Cohen. Porén, o resto do concerto resultou chan por momentos malia un repertorio no que repasa boa parte das pezas máis notábeis da súa traxectoria. A ela suma catro cancións inéditas que gravará tras a xira (“Seasonal Pain in the Ass”, ”Old Song”, “Raining in Athens“ e “Look Down the Stars”) e que encaixan nese mundo que pisa cun pé na ópera e outro nos cantautores do Tin Pan Alley. E que dicir desas letras que pasean por emocións e vivencias varias narradas con ironía, simpatía, amor e humor!

Abriu con “Montauk” e “This Love Affair”, presentou “Seasonal …”, mencionou o Orgullo para unha “Gay Messiah” que interpretou á guitarra canda “Barcelona” do seu debut de 1998. Volveu ao piano para “The Art Teacher” e a nova “Old Song”. De novo á guitarra “Early Morning Madness” e unha mágoa que non lucise “Out of the Game”. Antes de “Want”, das interpretacións que máis gostei, falou do seu pai que vai dar un gran concerto aos seus 80 anos e deseguido presentounos unha peza composta en Atenas, “Raining in Athens”,que disque é a de temática máis universal nun disco que lle está a quedar intimista. Brillou unha vez máis ao piano con “La complainte de la butte”- a versión de Jean Renoir para “Moulin Rouge”, lembrou a súa debilidade polas estrelas nas sús letras coa nova “Look Down the Stars”, título curioso até que nos comenta que está inspirada no paseo da fama de Los Angeles. Daquela o concerto pasaba dun ton máis ben agradábel e correcto á emoción da mencionada traca final que tan bo recordo nos deixará.

Pepe Cunha, 6-xullo-2026