No seu regreso á Coruña, desta vez coa Roberto Delgado Orquesta, Rubén Blades abriu o serán con “Plástico”. Nesta xoia do seu repertorio, o gran cantante-cronista da música latina sinala as aparencias, a hipocrisía e un culto ao superficial que décadas despois segue aínda máis vixente nesta sociedade con todo ao alcance dun clic. E que dicir do mundo da música! Afortunadamente, de cando en vez temos a oportunidade de nos congratular de que entre a banalidade asoman proxectos que non renuncian a poñer a música e a autenticidade por diante. O espectáculo “Salswing!” segue a tradición de conectar o jazz e a salsa, non é novo, pero a obsesión por unha suposta modernidade non pode eliminar o sitio que sempre deben ter as músicas solventes, as letras con mensaxe ou as producións coidadas e elegantes.
Tras o adiamento por problemas na gorxa de Blades e, afortunadamente, o cambio de recinto, o Parque de Santa Margarida acolleu un deses concertos multitudinarios a gardar na memoria. O reclamo primeiro era escoitarmos ao vivo boa parte do repertorio de Blades e abofé que o gozamos a través dunha voz en forma e unhas presentacións didácticas, contextualizadoras e adubadas cunha dose de compromiso social. Asemade, relambiámosnos co acompañamento musical, a recreación das cancións que viña da man de nada menos que 20 músicos dirixidos polo tamén panameño Roberto Delgado. Sen dúbida, un luxo nada caro se pensamos noutros concertos que non ofrecen nin a metade desta calidade e cantidade, cunha actuación que chegou até as dúas horas e media. Loxicamente, algúns momentos foron máis celebrados ca outros, pero a forza da música, a conexión entre os intérpretes, o carisma de Blades e os apoios visuais que se proxectaban fixeron que o tempo voase mentres bailabamos ou nos mexiamos, segundo a soltura ou as prioridades de cadaquén.
Se abriron nada menos que con “Plástico”, despois foron chegando (van sen orde) “Decisiones”, “Las calles”, “Ojos de perro azul”, “En esa casa”, “Amor y control”, “María Lionza”, “Todos vuelven”, “Canto niche”, “Paula C”, “Cuentas del alma”, “Ligia Elena”, “Maestra vida”, “País portátil”, “Pedro Navaja”, “Patria” … e o bolero “Ya no me duele” que protagonizou o momento crooner canda “Watch What Happens”, versión de Michel Legrand & Norman Gimbel via Tonny Bennet. Outras versións interpretadas foron “Mambo Gil” de Tito Puente ou “Arayué” de Ray Barretto e, entre propias e alleas, a súa composición “El cantante” para o grande Héctor Lavoe, unha das varias reivindicacións de amizades e influencias artísticas que fixo Blades.
Todo este repertorio serviu para que os músicos amosasen solvencia e versatilidade abondas para se adaptaren a diferentes formatos de orquestra de latin jazz, sexteto, big band … e que todos tivesen cadanseu momento de protagonismo con solos desde convincentes a espectaculares. Di Roberto Delgado sobre “Salswing!” que “la música es un regalo universal […] esperamos que lo disfruten tanto como nosotros grabándolo y que en estos tiempos difíciles les permita sonreír, bailar y confiar en un mejor futuro” e o desta noite de finais de agosto foi iso, un regalo, unha celebración marabillosa da música comprometida coa arte en si mesma e coa sociedade.
Pepe Cunha, 30-agosto-2023