roger de flor “el mundo está loco, loco, loco …”

Xullo 11, 2011

Coñecimos a Rogelio Arias á fronte da contundente banda ferrolá de power-pop Bang 74 e soubemos da súa carreira en solitario coa maqueta “Canciones de amor y retranca”, nunha proposta de cantautor pop entre o romántico e o canalla. A continuidade máis profesional, e aquí comentada, chegou con “Naturalidade silvestre”, un álbum agradable que tamén serviu de titulo á película documental que C. Alberto Alonso lle adicou a el e outros artistas que pasean as súas propostas polos locais de pequeno aforo. Despois da repercusión obtida, chega o momento de confirmar esta exposición mediática e as expectativas espertadas. Repetiuse a gravación nos estudios Anca, pero buscouse un son máis pulido coas mesturas e a remasterización na Casa de Tolos, ademais de engadir en varias pezas (como a que titula o álbum) uns ventos que acompañan o labor de músicos tan solventes como Fran Rey ao teclado ou Cabe García nas guitarras. Mais as súas novas cancións xa abusan en demasía de tópicos, lugares e frases comúns. Comeza o álbum con pezas de pop lixeiro como “Conduciendo”,“Alguien como tú” e “Voy a cambiar de vida”, pero xa deseguido precipítase no peor da canción melódica coa empalagosa “Ai meu amor”, que máis adiante continuará en “Tanto eu a quería” ou “Brota”. O lado máis desenfadado da súa proposta vén representado coa peza que titula o álbum e “Non penso volver a ver televisión”, do mellor dun disco pouco fértil en canto a orixinalidade, desenfado ou ocorrencia. A outra peza desta vertente, “Voy a saludar a la abuelita Amparo”, podería ser un bonus track, un engadido pero non un corte de seu nun álbum coma este. Esperemos un cambio de rumbo máis achegado ás coordenadas de Jonathan Richman, Ray Davies, Makaroff, Jonston, Julio Bustamante ou Rodrigo, por citarmos artistas que de seguro son do seu gusto.
Pepe Cunha 13-xullo-2011

AXENDA