Desde que abandonou a banda mítica Millladoiro, o arpista Rodrigo Romaní adicouse, sempre entrelazándoas, a outras formacións e á docencia. Non podo deixar de lembrar proxectos colaborativos de tanta calidade como Lizgairo ou a orquestra folque Sondeseu. E por suposto, están os seus traballos propios, a súa liña máis persoal, como este cuarto que agora recibimos. Como é habitual, temas arranxados polo propio Romaní, sexan propios ou a partir de pezas tradicionais. Iso si, estes dez veñen presentados nun formato de trio canda Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusións), valores novos coas dentro do panorama do folque do país.
Cita a Antón Avilés de Taramancos, “Fíos de ouro no ár / tece a dona ao sol da eira / e ven a bris silandeira / abaneando no seu van …” talvez para introducir un disco onde luces e sombras combinan para entregar toda unha colección de matices e sensacións. Se agardasemos un álbum talvez monótono polo protagonismo das sonoridades da arpa, cometeriamos un erro. Si, son dúas arpas e sonoridades delicadas, pero tamén moi variadas pola súa orixe e rítmicas grazas á presenza do contrabaixo, os detalles electrónicos e mesmo a ocarina. Tamén contan coas voces de Inés Lorenzo en “Cando vou para Grixoa” e “Ai Deus se sabora” e Guillerme Ignacio en “Pasacalles” e “Muiñeira” ou o Cuarteto Novecento na magnífica “Preguiza” e en “Fíos de Ouro”, adaptación sorprendente para dúo de arpas e cuarteto de corda de “tres das muiñeiras en tono meno máis versionadas do repertorio gaitístico”.
Romaní equilíbrase entre o virtuosismo e o popular, non peca nin de elitismo nin dunha arela de agradar, senón que procura achegar visións propias, revivir pezas e repertorios, como no fandango “Vaivén dos pilros / Bule Bule” ou en “Ribadavia” inspirada no barrio xudeu da vila. “Fíos de ouro no ár” é un álbum moi elegante e moi galego, áo tempo que inquedo, fermoso e interesante para quen deixe a un lado etiquetas.
Pepe Cunha, 12-xuño-2018