Robyn Hitchcock

Maio 18, 2013

apertura de portas ás 20:30h.
12 euros máis gastos distribución (anticipada) / 15 euros (taquilla)
Kunsthalle e Ticketea.com

nota:
O británico Robyn Hitchcock chega a Santiago de Compostela dentro do ciclo Baixo a Vide. Concertos con Denominación de Orixe. no Kunsthalle de Santiago de Compostela.
O concerto contará coa colaboración das adegas da Ribeira Sacra, Vía Romana e poderase gozar dunha cata das súas referencias previa ao concerto.

Robyn Hitchcok é unha das figuras de referencia do rock e o folk británico das tres últimas décadas.
O terceiro concerto do ciclo Baixo a Vide. Cancións con Denominación de Orixe traerá a Santiago de Compostela as cancións do autor británico Robyn Hitchcock, despois do paso dos portugueses Birds Are Indie e do sevillano Sr. Chinarro,. Nesta nova entrega, o ciclo conta con todo un clásico como é o músico londinense, un dos padriños contemporáneos do rock e o folk actual e posuidor dunha extensa, inclasificable e moi influinte discografía, que vén presentar o seu novo traballo Love From London.

O ciclo, que pretende achegar os mundos do viño e da música popular moderna, contará coa presenza de Vía Romana, unha das adegas de referencia da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e de forma previa ao concerto realizarase unha presentación dos viños da adega de xeito que se poida gozar dunha degustación das súas referencias de man dos propios responsables da adega.

O Artista

Robyn Hitchcock é un dos nomes máis respectados do rock e o folk psicodélico anglosaxón desde finais dos anos 70, cando liderou aos seminais The Soft Boys. Nas súa propias palabras, naquela época intentaban mesturar os Beatles con Captain Beefheart. E polos resultados, semella que o conseguiron.

Na súa madurez, e aínda influenciado por Bob Dylan, John Lennon e Syd Barrett (de quen se di é herdeiro directo), Hitchcock combina a maestría melódica cunha excentricidade lírica que aúna melancolía, comicidade e surrealismo a partes iguais.

Recentemente, e grazas en parte á súa colaboración con Peter Buck e Bill Rieflin de REM (entre outros), a carreira en solitario de Robyn amósase chea de enerxía e a súa visión artística única e excéntrica non para de atopar loanzas. Como compositor domina todas as facetas do pop brillante e relucente, pero tamén sabe bucear en ambientes máis profundos e escuros.

Cando falamos de Robyn Hitchcock, o facemos dun home que creou un universo propio e perfectamente recoñecible dentro da psicodelia e o folk británico, sentando cátedra e relacionándose unha lexión de seguidores e fans declarados como REM, Ray Davies, Jeff Mangum (Neutral Milk Hotel), Howe Gelb (Giant Sand), The Decemberists e moitos outros nomes ilustres.

A Adega
Vía Romana é unha das adegas máis prestixiosas e con maior proxección alén das nosas fronteiras, posuidora de múltiples galardóns, coma o recentemente obtido no Catavinum World Wine & Spirits Competition 2013, e referencia en múltiples guías enolóxicas coma a Guía 365 Viños de España 2013 ou a Guía Repsol dos Mellores Viños de España, tamén neste ano.
A poda en verde do viñedo (para lograr rendementos por debaixo de 3 Kg. por cepa), a selección manual dos acios, a entrada por gravidade das uvas
en depósito, a quietude e o silencio en adega durante un mínimo de 8 meses, ademais da permanencia en botella de outro mínimo de 6 meses antes de saír ao mercado fan de Vía Romana un Ribeira Sacra único que marca o camiño da máxima calidade, e que dota de todo o sentido ao sobrenome de o viño que non entende de presas.

O Ciclo Baixo a Vide
Baixo a vide. Concertos con Denominación de Orixe é unha innovadora proposta que une a música máis actual e a cultura vinícola galega. Ata a fin
do verán, varias adegas das diferentes denominacións de orixe de Galicia acollerán uns concertos moi especiais, no que participarán artistas moi destacados tanto a nivel nacional como internacional, como Señor Chinarro, Xoel López ou Robyn Hitchcock, entre outros.

Trátase dunha iniciativa promovida por I-Radia Crea e En Panties Producciones, dúas produtoras galegas que elaboraron un ciclo de concertos que percorrerán varias adegas co fin de abrir estes espazos a novos públicos e ofrecer unha innovadora oferta cultural, enolóxica e gastronómica. Cada concerto, ademais da actuación musical, complétase cunha degustación do viño anfitrión maridado cun produto gastronómico galego de alta calidade.

AXENDA

Facebook

20:30 h.
Sala Kunsthalle, Santiago de Compostela.
12 €