Roberto Sobrado Grupo

Abril 14, 2018

nota:

Curtido no Fonte Sequelo de Compostela, Roberto Sobrado madurou na Cavern de Liverpool, berce, entre outros, dos Beatles. Anos despois volveu a Galicia para darlle forma a unha banda que, dende entón, sempre o acompaña e fai medrar a súa música. Tras máis de vinte anos facendo cancións e despois de contar xa con cinco discos de estudo, agora úneselle a eles o seu útlimo traballo, “Proletarios do rock “n” roll”

Roberto Sobrado grupo volve así ao minimalismo do rock de furgoneta e ensaios nos garaxes cun traballo máis roqueiro, máis social, e con estilo máis de cantautor da formación. “Proletarios do rock “n”roll” é un disco que contará con sete temas propios novos e, por primeira vez, cinco versións adaptadas e personalísimas onde se debulla todo o imaxinario persoal e colectivo desta banda con case 20 anos de historia.

Cunha banda renovada na sección rítmica e onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, a formación presentarase ante o seu público con Germán Da Ponte ao saxos, Roberto Sobrado ao telecaster e voz, EUxenio á batería e coros e Nuno Pico no baixo eléctrico e coros.

Concerto de presentación e entradas

O concerto de presentación do proxecto terá lugar este sábado 14 de abril ás 21h30 no Dadó Dadá de Santiago de Compostela. As entradas xerais terán un prezo de 5 € ou 10 € no caso de que se merque entrada máis disco. No caso de estudantes, parados e xubilados, a entrada custará 3 €, e 6 € cando se merque tamén o disco. Todos aqueles interesados e interesadas en asistir xa poden reservar a súa escribindo a robertosobrado.info@gmail.com.

AXENDA

21:30 h.
Dadó Dadá, Santiago de Compostela.
3 / 5 / 6 / 10 €