Riu

Febreiro 26, 2013

A Casa das Crechas continúa coa súa aposta catalana e mañá martes 26 traerá ao seu escenario unha das máis novas propostas do folc catalán: RIU, un proxecto formado por seis músicos novos que pretende reinventar a música popular de Cataluña. Para definir o seu son, aprenderon das grandes bandas do novo folc europeo e adaptárono ás melodías populares da súa terra.

Despois de gañar este pasado ano o premio Sons da Fira Mediterrània, publicaron o seu segundo traballo, “Amb Canya!”. Este disco, producido polo ferrolano Fernando Barroso (Assembly Point, Os Cempés), é xa un paso importante cara a consolidación do grupo na escena tradicional catalana.

Nesta xira por Galiza presentan este segundo disco por varias vilas e cidades do país (Vigo, A Barqueira, Ferrol e Espasante). A xira anterior, por Cataluña e Euskadi, foi financiada a través dun proxecto de crowdfunding na plataforma Verkami no que os microfinanciadores tamén podían ir con eles na xira.

O seu repertorio está cheo de melodías catalanas e algunhas composicións propias. Fan pezas instrumentais confeccionadas en forma de sets de melodías populares cantadas. Cun son acústico e potente, no seu primeiro disco pódense escoitar cancións populares renovadas.

RIU son:
Pau Vinyoles, acordeón diatónico
Ciscu Cardona, guitarra acústica, bouzuki e voces
Rubén Fajardo, guitarra acústica
Marta Barbero, violín
Ricard Ros, whistles e a uilleann pipe
Iu Boixader, contrabaixo

AXENDA

22:30 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
4 €