Riobó (Folc/Tradicional, Galiza).
Actuación polo Día Internacional da Música. Colabora a Asociación Estatal de Salas de Música en Directo.
Begoña Riobó é, actualmente, a violinista con maior proxección do panorama musical galego. Cunha destacada traxectoria artística, na que formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo ou Sondeseu, preséntase como a primeira violinista folk galega en liderar o seu propio proxecto. “Riobó” é o nome do grupo de Begoña, e tamén o título do seu primeiro traballo discográfico, que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe. Así, cada concerto convértese nunha mostra de sensacións, na cal conviven as raíces culturais máis profundas con formulas interpretativas actuais. Acompañando a Begoña, en “Riobó” encontramos catro recoñecidos músicos que atesouran unha sólida traxectoria, e son habituais nos principais proxectos musicais en Galicia. Son Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (frautas e requinta).