reno “reno”

Novembro 20, 2013

Desde Valencia chega o debut dunha banda nova, mais non sen referencias. Trátase do novo proxecto en que se embarca Manolo Tarancón, vello coñecido desta web e do público que gosta dos cantautores roqueiros en castelán (Quique González, Fabián, Nacho Vegas, etc). Aparcou a súa carreira propia, talvez canso de pelexar en solitario, pero nunca deixou de estar vencellado estreitamente á música, con La Viejita Música, pequena discográfica e produtora de concertos, e como programador. Xa que logo, segue a devorar música e conserva as ganas de compoñer e tocar. A finais do 2012 xuntou forzas con tres ex músicos da banda Torre de Control e, escoitadas as cancións que nos ocupan, o traballo tivo froito satisfactorio. Tarancón non cambia de cara, pero continúa a apertura estilística do seu último “Reflexiones” (aquí comentado). De feito, cancións como “A tu manera” soan moito a el.

O disco homónimo de Reno reflicte unha convivencia satisfactoria entre textos con peso e unha banda rock alternativo que soa aguerrida sen perder a elegancia. Porén, non é só Tarancón quen compón e canta, senón que reparte estas tarefas con Sergio Sanisidro, como se quixesen confirmar que Reno son unha banda de seu. Iso si, cunha lírica máis directa e outra máis metafórica. Cristian Costa e Alejandro González “Panxi” encárganse de completar un son que engancha desde o principio: as guitarras especialmente afiadas e as bases contundentes abren en “Selección natural”, o power-pop aparece con “Espiral” e mesmo fan un chisco ao punk con “Despedidas”. Tras ese xute inicial, o listón non baixa co claro single “Ferrari” (“porque tanta buena gente no merece un cacique como tú”), a country-pop “Política interior” ou as máis contidas e escuras “Velocidad” (“¿qué sería de mi vida sin intensidad?”) e “Cien años”.

Xa case citei as 10 cancións do álbum, porque apenas algunha desmerecería no ton xeral duns 37 minutos de muros de son e espléndidas melodías, de cancións directas, enérxicas, potentes, cunhas letras costumistas e próximas non exentas de crítica e rabia: “Los años han pasado y tú creces en tu posición, me miras con desprecio, piensas: pobre vividor, y yo río por dentro seguro de mi rebelión, por mí puedes perderte en tu mundo sin solución” (“Espiral”). Por efectividade e contundencia traen á mente momentos atinados da escena independente nacional asinados por La Habitación Roja ou Niños Mutantes. Este proxecto merece ter continuidade e aquí lle seguiremos a pista.

Pepe Cunha, 20-novembro-2013

AXENDA

Facebook