nota:
Mariñán, 18 de xuño. Nun estudio improvisado na biblioteca do pazo de Mariñán esta semana, Raül Refree foi definindo o concepto e o repertorio dun disco que el recalca que lle gustaría que fose “unha peza enteira, non tracks separados, senón algo máis global, unha peza contemporánea con música tradicional”. Tras unha inmersión na nosa tradición musical que comezaba o pasado mes de marzo con visitas a arquivos e encontros con artistas, Raül Refree di estar “sorprendido pola gran cantidade de xente moza que toca música tradicional en Galicia, tanto de forma profesional como amateur, é algo que non vin noutros lugares”. O produtor asegura que “sempre me gustou a idea de comunidade da música tradicional, de xente reunida cantando porque si, sen ter en conta se sabe cantar mellor ou peor, aprendendo e ensinando, como nas foliadas, que teñen unha dinámica que me parece fascinante”.
Refree tivo a sorte de vivir unha desas foliadas onte, ao remate do seu traballo no estudio. Cerca de 25 persoas vinculadas coa recollida, compilación, creación, interpretación e baile da música tradicional galega, xuntáronse no Pazo de Mariñán para tocar e cantar xunto ao produtor catalán, que acompañou ao grupo coa súa guitarra.
O encontro musical celebrouse na capela do pazo por mor da choiva e nel participaron algúns dos proxectos musicais máis interesantes da renovación da nosa tradición musical, como Tanxugueiras, Caldo, Oîma, Caamaño & Ameixeiras e os luthiers Jose Catoira e Pablo Sánchez Otero. O encontro foi filmado co obxectivo de elaborar pequenas pílulas audiovisuais que combinarán música e entrevistas, e que serán publicadas pola Deputación da Coruña dentro do seu programa Patrimonio GZ Sons!
Tras finalizar esta sesión de traballo en Mariñán, Räul volta agora a Barcelona cun listado de cancións e un bo feixe de ideas sobre as que traballará nos próximos meses para definir arranxos e escoller as colaboracións artísticas deste proxecto sonoro.
Raül Refree é neste momento un dos produtores máis recoñecidos a nivel estatal. Na súa traxectoria xúntanse sensibilidade, curiosidade inesgotable e experimentación sonora. Leva activo desde 1996, formando parte dalgúns dos proxectos musicais máis innovadores de Barcelona, pero foron os seus discos máis persoais en solitario os que situaron nun lugar destacado da vangarda musical internacional.
En 2014 iniciou unha nova etapa como produtor, arranxista e instrumentista. O primeiro traballo foi Granada, con Silvia Pérez Cruz, ao que seguiu no 2017 o aclamado Los Ángeles, o disco que catapultou a Rosalía até convertila nunha das artistas máis importantes da música actual. Pecha esta triloxía o proxecto coa fadista Lina, escollido neste 2020 como o mellor disco de músicas de raíz do ano por practicamente todos os medios especializados do mundo.
Compositor de bandas sonoras, arranxista e músico de diferentes traballos orquestrais, un talento infinito que o coloca como produtor detrás dos traballos dalgúns artistas como Rodrigo Cuevas, C. Tangana, Niño de Elche, Amaia Romero, Christina Rosenvinge, Lee Ranaldo, Rocío Márquez, Kiko Veneno e un longuísimo etcétera.