nota:
VI Ciclo 1906
Raynald Colom: trompeta; Logan Richardson: saxo alto; Danny Grissett: piano; Michael Janisch: baixo; Mario Gonzi: batería.
Ser escollido o único representante de España na European Youth Orchestra no ano 2001, o mellor trompetista pola Associació de Músics de Jazz i Música Moderna de Catalunya (2001, 2002, 2004 e 2005) e nominado no 2007 en calidade de estrela emerxente aos Premios Euro Django eran indicativos de que a corrente non arrastraría o nome de Raynald Colom. O franco-catalán formouse en Berklee grazas a unha beca, tivo excelsos profesores como Wynton Marsalis, Roy Hargrove e Kenny Barron e, na súa traxectoria ascendente como excelente trompetista de jazz, enriqueceuse coa paleta doutros xéneros musicais. Pode compartir escenario con Randy Brecker, con artistas do colectivo MBase, con Manu Chao, fusionar flamenco ou acompañar a un grupo de electrónica con impecable solvencia e personalidade. Testemúñano táboas de lugares tan dispares como Turquía, Canadá, Nova York, Tokío e Malí. Pero aquí e agora imos escoitalo fraseando con Rise (Jazz Village, 2012), unha fantástica nova gravación. Versionando ao cantautor francés Leo Ferré, evocando a atmosfera anella dos tempos do stride piano, acompañando a rapeiros, visitando esencias africanas ou deixándose levar no magnífico colchón dunha orquestra de corda… en clave aberta ou con toda a sabedoría da linguaxe clásica… coas notas precisas ou cun arrebato incendiario… a súa trompeta faranos levitar.