Raúl Rodríguez

Setembro 11, 2015

Raúl Rodríguez- tres, guitarra
Mario Mas – guitarra
Aleix Tobías – percusión
Guillem Aguilar – baixo

Aínda que para a maioría sexa un nome descoñecido, a súa presenza é recoñecible en bandas coma Caraoscura e Son de la Frontera, pero máis salientable se apreciamos a súa pericia en innumerables colaboracións coma tocaor de guitarra en gravacións e/ou xiras con Kiko Veneno, Juan Perro, Martirio (a súa nai), Enrique Morente, Compay Segundo, Chavela Vargas, Jackson Browne, Jorge Drexler, Javier Ruibal …. Ademais desta bagaxe, falamos dun produtor musical e antropólogo cultural, licenciado en Xeografía e Historia e Antropoloxía pola Universidad de Sevilla. Xa que logo, de formación teórica vai servido para acometer este traballo ambicioso.

Rodríguez non só toca ese tres flamenco do que é pioneiro, senón que se encarga de todo o acompañamento instrumental (voces e percusións, baixo eléctrico, guitarra acústica …) aínda que hai algunha que outra colaboración tan interesante como a flauta-gaita de “El Peta” en “Beturia sonora” ou a voz de Martirio en “La pena y la que no es pena”. Ademais, e malia non ser un cantante precisamente dotado, a súa paixón fai convincente a interpretación vocal dunhas letras que falan de procura, inquedanza, investigación, sensacións, amor, recordos, ditos populares … De feito, a canción que títula o álbum é pura sucesión de ideas e intencións: “Traigo un son de barco viejo” , “las razas no son tan puras ni somos tan diferentes”, “hay ritmos que son hermanos de antiguas generaciones”. Nesta liña, tres das cinco composicións propias son catalogadas tan significativamente coma “fandango indiano”, “sonería” e “bluesería”. Completan o álbum dúas cancións populares (unha caña tocada no século XIX en Triana e unha petenera veracruzana) e unha canción da cubana Marta Valdés: “Romance de tus nombres”.

O primeiro traballo baixo o seu nome non podía ser un disco calquera e as expectativas confírmanse cun produto moi coidado tanto na gravación como na presentación. A edición fermosísima (un libro-disco abondoso en comentarios, apuntamentos, textos e fotos interesantes) cumpre coma caderno de viaxe musical de ida e volta con sons e danzas de ambas partes do atlántico. En conxunto, a proposta musical mantén un ton xeral notable, pero alterna momentos realmente brillantes (“Razón de son”, “Llévame a la mar”, “Con la guitarra en blanco” que remite ao proceso compositivo, “Si supiera” …) con outros que pecan de certa espesura ou tenden ao tedio por unha duración algo excesiva (“El negro curro”, ”La caña” …). “Razón de Son” non é outro disco máis de fusión, senón unha peza de referencia baseada en dúas décadas de investigación de sons flamencos e mestizos, de procura e adicación.

Pepe Cunha, 7-novembro-2014

Facebook