Raúl Rodríguez “La raíz eléctrica”

Novembro 21, 2017

Volveuno facer. Hai 3 anos Raúl Rodríguez debutaba en solitario cun libro-disco que rendeu os medios especializados de medio mundo e gañou o público medianamente curioso. Aquela primeira edición da “AntropoMúsica creativa de los cantes de ida y vuelta” titulada “Razón de son” ten agora unha segunda edición que a iguala ou supera, que xa é moito dicir. Volvemos estar diante dun traballo onde conflúen con resultados fantásticos a investigación e a experimentación, a “candela” do popular, a creatividade e o virtuosismo. Se daquela o protagonista era o “tres flamenco” e un labor case individual na instrumentación, agora desenvolve un son diferente ao incorporar o tres eléctrico e traballar coa súa banda habitual: Mario Mas, Guillem Aguilar, Pablo Martín Jones e Aleix Tobias. Ademais suma as colaboracións de Jackson Browne, o archilaúd de Javier Mas, Juan de Juan … E por se faltaba algo por mellorar, o seu cantar vai crecendo en confianza e credibilidade.

Este disco-libro de 100 páxinas inclúe as letras dos temas, textos de Raúl, fotos e imaxes das súas viaxes, e loce portada de Javier Mariscal e un prólogo do doutor en filosofía Santiago Auserón, que o presenta así: “La Raíz Eléctrica extiende la retícula de razones y pasiones conectadas, como células que transforman la onda sonora en descarga que debe ser compartida”. Apoiado nuns músicos de primeira liña e cómplices segue a entregarnos os sons de sempre, os populares, desde a tradición flamenca ao son cubano, mais desta vez amósase máis roqueiro, na tradición duns Smash, Triana, Silvio, o Camarón de “La leyenda del tiempo”, Pata Negra … Xa que logo, cómpre deixarse levar por un festín sonoro onde conviven, con xeito e naturalidade, rock andaluz, flamenco, son, afro-beat, psicodelia, pingas de funk ou electrónica … até chegar a ese peche que titula o disco, unha “vodoulería”: o vodou haitiano fundido coa bulería. Até o Haití viaxaron para traballar con músicos nativos -Lakou Mizik, Paul Beaubrun e Theodore “Lòlò” Beaubrun (Boukman Eksperyans) – e tiña que quedar constancia.

“La lengua corta” abre e atrapa a modo de manifesto cantado e descrito no libro. A partir de aí, a túa mente e corpo quedan engaiolados por “El Viajero”, “Zambra de la Ausencia” ( sobre poema de Bécquer ), “Canción del Corazón”, a máis breve “Como el Domingo” ( volve interpretar a cubana Marta Valdés ) o hit “Yo voy vendiendo candela” e aquel primeiro adianto “Let The Rhythm Lead”, previo á xira internacional de Raúl con Jackson Browne “Son and Song”. Ao igual que no disco anterior, atopamos pezas instrumentais máis breves que serven de preludio e enlazan coa principal: “La cuerda al aire” a “Zambra de la ausencia”; “Tres del frontera” a “Canción del corazón”; “El canto madre” a “Como el domingo”; “Que sea el ritmo el que nos gobierne” a “Let the Rhythm Lead”. Por certo, título moi significativo para achegármonos a estas composicións.

Nestes tempos onde a mercadotecnia e as présas confunden, non se me ocorre mellor agasallo para quen quere cancións con capacidade de atrapar á primeira escoita e perdurar ao crecer coas escoitas: “Yo quiero contarte un cuento / que se quede en tu memoria”. E ademais, veñen acompañadas de cadansúa historia contada polo propio compositor. Hai que dar as grazas a Raúl Rodríguez por plasmar así a súa arte (“Yo te enciendo la chispita / del fuego que hay en tu pecho, / y te canto por derecho / y te toco la guitarrita”) e a Fol Música por apostar por traballos únicos.

Pepe Cunha, 21-novembro-2017

AXENDA