Desde Pontevedra-Vigo chega o disco de debut do dúo Raposa, onde volvemos atopar Rubén Abad (Es un árbol, Cro!, Peña, Trilitrate … ) e coñecemos a vocalista, guitarrista e compositora María Vilanueva. Reivindican a atención, a melodía, o detallismo e o amor no senso amplo (agarimo, romanticismo, delicadeza …), con nove cancións propias en galego, castelán e portugués, catro instrumentais asinados por Rubén e unha versión marabillosa de “Se dice”, aquela copla que cantou Concha Piquer alá polo 1933. Todo un agasallo acústico para tempos abondo feos e apresurados.
Ademais das cordas precisas e creativas de Rubén e María, a gravación reborda co detallismo e a minuciosidade dunhas colaboracións exquisitas: a guitarra de Virxilio da Silva en “Vertixe” -unha das pezas máis notábeis-, saxos de Noelia Fraga, contrabaixos de Saúl Puga ou Lisa Hoppe, violíns de Elena Vázquez, frauta de Laura Lorenzo … Por salientar entre un disco tan coidado e delicado mencionaría o selo de Rubén na máis “indie” “As cores” e nunha “Jamón” que parece traída dos tempos daquel disco de Peña, así como os versos e a voz de María Villanueva, aloumiños á marxe de épocas. Remito a “A cidade máis vella do mundo”, “El niño que no fui”, “O mar” ou a propia “Un amor”.
Cun envoltorio fermoso deseñado e maquetado por Montse Piñeiro, “Un amor” é un encontro, baseado nun son orgánico, do tradicional, a clásica, o folclore, o jazz, o pop; é viaxar desde as nosas paraxes a Portugal, Grecia ou Latinoamérica; é unha invitación a recollerse da intemperie nos brazos da melodía e unha precisión tan coidada como accesíbel.
Pepe Cunha, 18-xuño-2026


