Radio Zapa + Lou Reyes y los Rockin” Corsarios

Agosto 06, 2019

nota:

O Feito a Man acolle mañá martes concertos de Dequenvessendo, Radio Zapa e Lou Reyes

(Off) 13.30 Blanca Cendán e Suso Alonso (cabaré) – Rúa Nova
20.00 Dequenvessendo (trad) – Vía Sacra
21.45 + Lou Reyes con Los Rockin’ Corsarios (rockabilly, country) –
Máis de 50 espectáculos e 40 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Estes son os artistas que participarán mañá:

BLANCA CENDÁN E SUSO ALONSO (Galicia – cabaré)

Blanca Cendán e Suso Alonso presentan “MORNINGS”, música para paseantes. O elenco está formado por Suso Alonso, pianista e actor que ten acadado premios coma os María Casares de Música para teatro e nominacións aos Martín Codax da Música; e Blanca Cendán, actriz de Teatro, cine e T.V. , que foi Directora do Centro Dramático Galego do 2010 ó 2012.

DEQUENVESSENDO (Galicia – música tradicional)

Dequenvessendo é un grupo de música galega que nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. No seu inicio, estaba formado por Bieito Romero Diéguez, Miguel Ocampo Bermúdez e os irmáns Miguel e Pablo Rosales Reboiras. Pouco a pouco comezan a introducirse no folk inspirados no xeito de facer música de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers, claramente enmarcados no folk celta atlántico.

LOU REYES Y LOS ROCKIN’ CORSARIOS (Galicia – rockabilly, country, rancheras, pasodobles)

Los Rockin’ Corsarios debutaron como tal banda no Feito A Man 2014, aínda que os seus compoñentes tocaron xuntos moitas veces ao longo do tempo. Contan con cancións publicadas na rede ademais dun disco incluído na recompilación His-Panic Stomp. Forman un cuarteto de batería, contrabaixo e dúas guitarras con voz solista. Los Rockin’ Corsarios fórmano músicos con moita experiencia – M. Tellería “Lou Reyes” empezou a gravar discos a finais dos 80- e formando parte de bandas como Lou Reyes, Lou Reyes & Los Astros, Degüello, Dr. Gringo etc., cos que gravaron e xiraron por todas partes, Europa e illas Británicas incluídas. Cuarteto de rockabilly, cincuenteiro pero tamén teddy boy e ecos country, pasodoble, etc. Cantan en español historias propias.

A banda compóñena: Marcos “Lou Reyes” Tellería (voz solista, guitarra de ritmo), Héctor Rivero Tellería (contrabaixo), Germán Prieto (guitarra eléctrica) e Fran Facal (batería).

RADIO ZAPA! (Galicia – rock)

Radio Zapa! é un powertrio de rock explosivo e psicodélico de Compostela. Un estoupido de letras incisivas, fuzz e intensas atmosferas instrumentais formado por Martín Zapata (guitarra e voz), Luis Iglesias (baixo e coros) e Fran Facal (batería e coros).

Radio Zapa! foi formado orixinalmente por Martín Zapata, Fran Facal e Jacobo García a finais de 2015. En 2017 presentan “Igual es diferente” , un E.P. co que presentan o seu denso e enérxico son e co que resultan vencedores do concurso Sonidos Mans do Festival Revenidas.

En 2018 presentan o seu novo single “LaCantinela”, co que a banda se aproxima aínda máis ao stoner, á vez que comezan a estar presentes en carteis de festivais de toda Galicia e iniciar a súa andadura a nivel nacional onde consolidan un interesante nicho de seguidores.

Actualmente veñen de afrontar a gravación dun directo no programa Estudio3 de Radio Galega, a entrada de Luis Iglesias ao baixo en lugar de Jacobo García que abandona a banda despois de 3 años traballando xuntos e a preparación do lanzamento dun novo single e videoclip.

Feito a Man 2019

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional galega… E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré.

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Bandas locais e internacionais

Nestes 21 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.

Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continuamos a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Putan Club, Vudú, Blanca Cendán e Suso Alonso, Leo Burke, Manuel Gutiérrez, Pilo Sierra, The Spoonfuls e moitos outros.

Alén disto, outro dos obxectivos do festival é a descuberta de novos talentos chegados de fóra. Así, tamén poderemos ver bandas internacionais como os xaponeses Harmonica Creams, o mozambicano Mohammed Yahya, os arxentinos Ecos e Sofía Viola, os colombianos-guineanos La Rueda, os mexicanos Lariferpol, o brasileiro Arthus Fochi, os suecos The Bongo Club ou a Clarence Bekker Band, desde Surinam.

AXENDA

21:45 h.
Praza de Cervantes, Santiago de Compostela.
De balde.