Radio Pesquera (Nono García & Pablo Novoa)

Novembro 11, 2015

Se falamos dun disco difícil de etiquetar podemos pensar que non é apto para todos os ouvidos ou que talvez para apreciar a riqueza de matices sexa necesario ter un ouvido afeito. Porén, isto non quere dicir que unha mente minimamente aberta á música e disposta a relaxarse ante calquera sonoridade menos común non poda tamén degustala. Pois nesta confusión benvida encontramos o proxecto conxunto da guitarra flamenca de Nono García e a eléctrica de Pablo Novoa.

Estamos ante dous músicos de luxo cunha traxectoria ao servizo de multitude de artistas máis recoñecibles polo gran público. O fío común é que ambos son atlánticos e de portos pesqueiros: un de Vigo e máis roqueiro, cun disco xa instrumental ás súas costas, e outro de Barbate e pioneiro do flamenco jazz. O primeiro asociado a Golpes Bajos, La Marabunta, Iván Ferreiro, Josele Santiago, Julieta Venegas. O segundo a Vaya Con Dios, Carlos Cano, Martirio, Chano García.

Máis próximo ao magnífico “Novoa cruza el Atlántico” que aos discos de García, non supón unha mera continuación daquel aínda que si o ten coma referencia clara. As dúas guitarras dialogan, apóianse, converxen en puntos de encontro distintos mediante músicas de ambas beiras do Atlántico: América do Norte, do Sul e o Caribe, África, Andalucía … e os ouvidos e dedos escorregan polo swing, jazz, blues, flamenco, bossanova, son … O resultado é un disco que se pincha unha e outra vez, que podería soar de fondo sen molestar se non fose porque atrapa desde o mesmo principio.

A súa amizade é recente e nos puntos en común que van criando coa convivencia guitarreira vai xurdindo unha fusión de melodías e improvisacións sen présas, que transmite o valor das mestizaxe natural, en paz, con beleza. Radio Pesquera é atemporal, racha barreiras ou limitacións a base de composicións instrumentais onde dous guitarristas con abondas influencias e experiencias musicais conflúen sen que semelle forzado, sempre guiados pola pericia, a sutileza e a paixón por culminar algo do mellor xeito que saben, Unha larpeirada exquisita para orellas e mente.

Pepe Cunha, 18-decembro-2014

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
Pub Clavicembalo, Lugo