radio cos

Maio 20, 2013

Quen teña dúbida de que a tradición pode ser divertida debería escoitar o debut de Radio Cos. Os pandereteiros Xurxo Fernandes e Quique Peón reivindican a nosa tradición musical desde a normalidade da nosa cultura musical e do gusto pola festa, non desde a solemnidade. Non obstante, e como aquí demostran, isto non implica unha proposta cutre, descoidada ou pobre en calidade. Nin acaban de chegar nin tiveron présa por gravar estas melodías recollidas nas súas gravacións de campo, senón que acumulan décadas na investigación etnográfica e case unha paseando por dentro e fóra do país o seu xeito de interpretar a música de raíz.

Como é comprensible, as voces son protagonistas pero a calidade do trío que acompaña redondea a proposta e soa a directo, arredado de artificios de estudio: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón. O resultado final é un disco recomendable tanto para ouvidos non iniciados como para pouco puristas. Un álbum de xenerosa duración (14 pezas) e variedade (valse, muiñeiro, rumba…), inzado de textos do anecdotario popular, desenfado, diversión e invitacións ao baile tan directas coma “Ven bailar Carmiña”, “A muiñeira da despedida” ou “O rumbista de Sas” e mesmo chiscos a outras latitudes como en “A voda búlgara”.

“Ás culturas minorizadas pásalles coma outras moitas cousas da vida: están, son verdades manifestamente palpábeis, arrodéannos. Pero non se sabe por que misterio… viven na invisibilidade.” Un disco coma este non debe ser minoritario.

Edita Fol Música: www.folmusica.com e con atinado gusto deseña e ilustra Pablo Pastor.

Pepe Cunha, 21-maio-2013

AXENDA