Os investigadores etnográficos Quique Peón e Xurxo Fernandes levaban xa os seus anos traballando coma Radio Cos, pero non foi até 2013 que editaron o primeiro disco gravado, con Fol Música. Sendo un grupo con tanta forza e alegría nos directos, o máis simple sería cinguirse a ofrecer unha tarxeta sonora de presentación. Porén, o paso de tantos anos para editar ese primeiro álbum e algúns menos para este segundo (agora autoeditado) responden á teima por entregaren algo máis: un traballo que avanza sobre o anterior e se coloca á altura doutros grandes proxectos que atopamos baixo a denominación de “ritmos étnicos” ou “músicas do mundo”.
De feito, levan uns anos participando con éxito en festivais e ciclos polo mundo adiante. Para conseguir isto resulta imprescindíbel que na banda participen tres instrumentistas da altura de Xan Pampín (acordeón), Pedro Lamas (gaita, saxo tenor e produtor musical) e Nikolay Velikov (violín). Todos xuntos conseguen que “Pasatempo” non só recree melodías tiradas do arquivo de gravacións de campo, senón que acolla ben pingas de influencias viaxeiras, aínda que ese atrevemento do poema “Adios ríos, adios fontes” levado ao tango poda espertar dúbidas. De aí o título en referencia a ese parque temático situado en Betanzos onde os seus promotores e constructores tamén se inspiraran en viaxes e vivencias: ese “Parque do Pasatempo” tan merecedor de atención e coidado como a cultura de noso.
Por citar tres títulos, “Mazaricos”, “100 pesos” ou “Pasodoble de Cereu” son “ghits” en potencia, dos que entran á primeira, e animan a nos adentrar no resto do disco. Porque Radio Cos son mostra clara de que gozar de música de calidade tirada do tradicional sempre é moderno e actual, á par que divertido e bailable. Que non nolo teñan que dicir desde fóra, onde contan con sona entre crítica e público, e a ver se comezamos a velos máis por aquí. Meréceno, porque o seu concerto de presentación no Teatro Rosalía de Castro resultoume do máis gozoso en moito tempo. E se falamos do formato físico da súa música, coa ilustración e o deseño gráfico de P. Pastor, rematamos de animar á compra.
Pepe Cunha, 2-febreiro-2017