Quique González no ciclo Voices, Pazo da Cultura de Pontevedra, 25-xaneiro-2020

Xaneiro 27, 2020

Desde aqueles tempos de xirar por salas pequenas, desde aquel primeiro bolo que lle vin na MardiGras coruñesa na xira de “Salitre 48”, unha das características que constato nas xiras de Quique González é a súa firmeza á hora de enfrontar a súa carreira. Unha actitude que basea nas cancións que compón e o desexo de ofrecelas coa maior autenticidade (perdón pola palabra manida) posíbel, sexa en formato reducido ou en formato de banda. Sempre o que sente que quere ofrecer está por riba de querer agradar, pois o fácil sería marcarse un repaso ou unha repetición desas cancións que foron sumándolle audiencia nestes 20 anos. Desta vez optou por retirarse un ano dos palcos para regresar coa valentía dun reto: musicar poemas e textos do poeta Luis García Montero. A xira deste álbum “Las palabras vividas” chegou ao Pazo da Cultura de Pontevedra da man do ciclo “Voices”, que este ano se completará con The Jayhawks en primavera e Guadi Galego en outono.

O clima do disco e o recinto con butacas venceron a miña preguiza cando o contexto apunta a un público falangueiro ou menos atento a ese coidado que o artista ten á hora de se arrodear de instrumentistas notábeis. Quere compartir desde o palco un espírito de banda que se gusta, se divirte e isto chegará a audiencia. Se cadra podería ser iso, sumado a unha posta en escea e un son impecábeis, o mellor resumo do concerto de Pontevedra. Alí repasouse o disco novo case enteiro e nun ambiente que me lembrou a unha cata, a madeira das barricas de viño, á uva que madura ben. Como se Quique, o adegueiro que traballa esa súa uva compositiva, nos encerrase no mellor contexto posíbel para degustarmos con calma e atención o viño que nos presentaba. As barricas sonoras asentábanse na base rítmica impecábel dos Señor Mostaza Alejandro Climent “Boli” ao baixo e contrabaixo e Edu Olmedo na batería, e non faltaron tres dos produtores do álbum: César Pop, nas teclas e o acordeón, e un Diego Galaz (dos únicos Fetén Fetén) que abraiou tocando mandolina, zanfona, violín-trompeta, guitarra acústica, banjo … A ausencia do terceiro produtor, Toni Brunet, foi suplida sen fendas polos debuxos á guitarra de Nacho Mur ( La M.O.D.A.).

Era de esperar que no repertorio non faltase a outra letra de García Montero, detonante deste disco e talvez da traxectoria de Quique, aquela “Aunque tú no lo sepas” para Enrique Urquijo, pero tamén era lóxico que comezase abrindo coas novas. Destas foron até tres antes de mirarmos ao pasado: do anterior álbum de estudio recuperou “Sangre en el marcador”, que tamén soaba perfecta e axudaba a darlle variedade sonora á noite. Deseguido viaxamos con dúas fermosuras a “Kamikazes Enamorados”, segundo o noso protagonista un disco asociábel polo seu carácter acústico ao último, que continuaría presentando en bloques canda pezas xa coñecidas do seu repertorio. Foran estas máis populares ou agochadas, o público recibíaas respectouso e encantado coas recreacións que ía ofrecendo a banda, agardando que no final caerían eses hits a corear. Tampouco é cuestión de non contentar a todos cando chegariamos até as dúas horas nas que voamos absortos na intensidade do concerto.

Particularmente celebrei recuperacións máis arriscadas como “Los desperfectos”, que soou soberbia, “Orquídeas”, algunha dunha intensidade emocional máis arriscada como “La casa de mis padres”, a contención de “Polvo en el aire”, o dúo coa acordeón de César Pop en “Qué más puedo pedirte”, e mesmo pezas claramente tristes como “Todo se acaba”. Todas eran defendidas con precisión e elegancia por uns músicos que, comezando por un Quique ben en forma e contento, parecían gozaren do traballo dos demais. Refírome a esa sensación que se aprecia especialmente cando se miran cómplices e alongan as cancións ao modo de The Band ou Van Morrison, nomes de referencia como a nivel estatal hai tempo que é o de Quique González, como cancionista e intérprete ao vivo.

repertorio:

Bienvenida
Canción con orquesta
El pasajero
Sangre en el marcador
Palomas en la quinta
Polvo en el aire
Su día libre
Fiesta de la luna llena
Todo se acaba
Qué más puedo pedirte
La nave de los locos
La luna debajo del brazo
Orquídeas
Los desperfectos
Dallas-Memphis
Aunque tú no lo sepas
La casa de mis padres
Y los conserjes de noche

Clase media
Salitre

Vidas cruzadas

Pepe Cunha, 27-xaneiro-2020

AXENDA