Quico Comesaña “Mãe”

Setembro 15, 2022

Pasaron oito anos da despedida de Berrogüetto, para moitas o mellor que saiu do folk deste país e para todas unha superbanda. Dos outros membros soubemos en proxectos propios ou compartidos, pero do noso protagonista perderamos a pegada até que agora presenta o primeiro disco de seu. Nestes tempos tan marcados pola inmediatez, a tecnoloxía e o dixital, as présas por dixerir e nos que non se venden álbums, Comesaña invítanos á escoita atenta, a tempos nos que degustabamos obxectos culturais con atención, como por exemplo na súa adolescencia, momentos de auxe do folk británico e o rock sinfónico, nas décadas dos 70 e 80.

Ao igual que boa parte dos traballos desa corrente, “Mãe” está dividido en catro suites, pezas diferenciadas, instrumentais, igual de longas e separadas por nomes evocadores: “Clorofilia”, “Marea”, “Animal Sapiens” e “Terránea”. Ao longo dos corenta minutos enchoupámonos da bagaxe dunha traxectoria de décadas coma instrumentista (Armeguín, Fía na Roca, Uxía ou Berrogüetto) e como consumidor de música, con dous alicerces principais: a tradicional do país e a querenza persoal polos discos de Yes, Jethro Tull, Genesis, King Crimson, Mike Oldfield … moitos dos cales comparten o universo progresivo da portada.

Se até agora o escoitamos ás cordas, Comesaña encárgase aquí de case todos os instrumentos, nun traballo artesán en que toca un feixe de percusións e instrumentos de corda (guitarras acústicas e eléctricas, arpa céltica, bouzouki, mandolina, banxo, violonchelo … ), coas achegas certeiras do acordeón de Marcos Padrón, violín e nyckelharpa de Carmen Gallego, oboe de Gonzalo Arévalo e pratos redobrantes e triángulo doutro Berrogüetto: Isaac Palacín. Todo para argallaren un universo musical rico na construción de harmonías, ambientes ou texturas, con varias melodías evocadoras de lugares e sensacións -disque da infancia e a adolescencia-, e que actúan como lazos para acadar unha cohesión máxica das partes, ese daren un sentido ao conxunto, como corresponde a un bo álbum conceptual.

Nunca é tarde para descubrir o que un músico tan discreto como creativo e talentoso ten que nos compartir. Intelixente, delicado, extraordinario, atemporal, culto, minucioso, persoal, analóxico, exquisito … son algúns dos cualificativos que se me ocorren para este álbum, pero non quixera transmitir que sexa difícil ou elitista. Si, ten a súa complexidade, pero nin é tanta se se atende, nin resulta pretensioso. Isto é música fermosa e, xa que logo, non só recomendábel para nostálxicas de Berrogüetto e interesadas no progresivo e o conceptual, senón tamén para curiosas e ávidas de propostas menos habituais. Di Comesaña que “Somos a última especie en chegar aquí, a única que pasa facendo ruído”. Se ruído é ausencia de silencio, viva a beleza do ruído que fan artistas como Quico Comesaña !

Pepe Cunha, 15-setembro-22

TEMAS
I CLOROFILA
II MAREA
III ANIMAL SAPIENS
IV TERRANEA

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
DULZARO e Mondra xúntanse en "Un labradorito" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook