Quempallou presenta o seu novo proxecto: “Quarteirón”

Xaneiro 19, 2015

nota:
O grupo subirá ás plataformas de distribución dixital de música, en catro entregas, o seu quinto proxecto discográfico orixinal

Logo de 15 anos de traxectoria musical, que deron o seu froito discográfico en catro CDs orixinais, Quempallou presenta a súa nova produción dun xeito innovador e diferente. Trátase de achegarse ao público a través das novas tecnoloxías dun xeito máis achegado e interactivo, aproveitando os novos recursos que ofrece a rede, para ir avanzando aos seareiros e seareiras as novas cancións que compoñerán este quinto disco.

Aínda que o grupo aposta por unha nova maneira de ofrecer a súa música, non pensan en abandonar o formato tradicional de disco. Editarán o traballo en formato físico unha vez estean rematadas as catro entregas dixitais, ou Quarteiróns (con Q de Quempallou). Do mesmo xeito, esta futura publicación en CD incluirá novas revisións dos temas, pois outra das ideas novidosas é plasmar a evolución das composicións logo dun tempo de interpretación en directo.

Cada un dos catro Quarteiróns incluirá 3 temas orixinais, sendo os correspondentes á primeira entrega “A Maturrangaina”, “Fandango da Lagarteira” e “Folión e Sega”. No tema “Fandango da Lagarteira”, toman protagonismo as cordas e mais a colaboración do compañeiro anglo-galego, e virtuoso violinista Harry Price. Os outros dous cortes están baseados en tres temas tradicionais do oriente galego: o Folión do Entroido de Manzaneda; un cantar da sega do Canizo (A Gudiña); e máis o cantar da Maturrangaina, nunha versión recollida no Caurel.

Quarteirón I xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais de streaming ou descarga, como iTunes, Spotify, Deezer, Amazon, Google Play.

Máis información en

AXENDA