Os membros de Quant teñen a cultura popular coma eixo de entretemento e o mellor pop de sempre coma banda sonora. Do mesmo xeito que ían devorando discos, asistían a concertos ou xogaban ao baloncesto (Ferrol entre os 80 e os 90), hai uns anos tamén colleron os instrumentos para divertirse. E niso seguen, desde agora xa con ese plus de credibilidade que para moitos terá que conten cun CD editado. Como as súas anteriores entregas, está autogravado, autoproducido e autoeditado, co mesmo entusiasmo e coidado amateurismo, a partir duns medios limitados pero ben aproveitados. Asemade, tampouco descoidan os detalles do deseño (a cargo de Alberto e cun bonito libreto con comentarios sobre as cancións) e a imaxe (Rubén ten unha produtora e nunha pista multimedia inclúen os seus tres primeiros videoclips). Canto ás cancións, todas seguindo os cánones dunha melodía marcada, coros e retrousos e poden soar tan clásicas e atemporais como a recuperada “Marta (it won´t last long)” coa voz de Daniel Alonso (O Neno Elliott) nun inglés de verdade crible, máis melancólicas como “Tell Your Mama”, ou pegadizas e con efectos máis modernos como a tamén remozada “Girls, Girls, Girls” tamén da época na que Daniel Alonso xogaba a gravar con eles. Mais hai salientables excepcións á lengua inglesa, como “Ta liste des amitiés brisès” na voz invitada de Amparo e que tamén vira a luz noutra versión, “¿Sabes guardar un secreto?” e “Algo nuevo” (outra das remesturadas-masterizadas…) e unha grata sorpresa: “Ninguén parece escoitar”, salientable tanto polo emprego do galego como polo compromiso da letra en menos de 3 minutos de duración. Nunha proposta pop, no senso máis luminoso e hedonista do estilo (predecibles tópicos do mocear, a diversión asociada ao sol, a praia e o verán), agradécese ese ollo posto na nosa contorna e a procura de máis diversidade dentro dos seus parámetros. Por aí han seguir crecendo, ao igual que na mellora da pronunza nas linguas alleas (véxase aquí un chisco de ollo). En resumo, un disco agradable de pop de diferentes épocas e que podes conseguir nun currado disco físico (5 €) ou en descarga de balde dende A Regueifa, como as súas anteriores entregas.
Pepe Cunha 6-maio-09
Featured