A paixón polo pop de Óscar Quant manifestábase coas maquetas caseiras no seu particular estudio Sausalito até que no 2009 autoeditou un primeiro álbum, “New Adventures in Full Colour”, e un par de anos despois “Handmade, Homemade” con Quequeres/Rock Indiana. Desde entón mantivo esta paixón pola creación de cancións directas, compoñendo cun pé sempre firme no espírito power-pop de non exceder os tres minutos. Mais o outro pé foino apoiando nas gravacións con outros artistas e a súa implicación noutras aventuras coma Weather Underground ou a banda de basket and roll Skyhooks. Este contacto con outras sonoridades e a aprendizaxe sobre a marcha seguiu a pulir o resultado dos seus traballos (algún aínda inédito) e co 2018 decidiu poñerse un reto: colgar na Internet unha canción ao mes.
Ao longo do disco imos recoñecendo como vai chiscando un ollo a diferentes estilos e/ou referentes, en homenaxes ou inspiracións máis ou menos conscientes pero que conseguen acabar unhas cancións das que desfrutar. Sen querer facer moito “spoiler”, un recoñece toques ao glam de T-Rex en “Nobody Dances, Everybody is a DJ”, a psicodelia folk dos Love en “Emotional Screen Test” ou Madchester duns Charlatans ou Stone Roses en “Kaleidoscope lines in psycholazy eyes”, un encontro entre The Cure e Bruce Springsteen en “It”s Cold Outside But... ” … así até chegar ao punto máis alto de referencias con “I wish we were a cover band” onde baixo título tan irónico como significativo mestura o seu benquerido Elvis Costello cos Beastie Boys e escoa un riff dos Kinks. Quen tamén amen o pop máis directo volverán gozar dun bo feixe de pezas que beben dos clásicos cunha diversidade que alixeira o álbum dunha carga lóxica de previsibilidade. Pero o que importa é que a canción funcione e, ademais, quen sorprende a estas alturas?
Porén, permítaseme salientar dúas cancións. “Ó carón de soñador”, única en galego e clara declaración de principios, conta coa participación de Josema Dalton á guitarra e coros e borda esa influencia power-pop de Los Hermanos Dalton. A outra sería a elixida para xullo, pois trátase da versión dun artista tan especial coma Daniel Johnston e unha canción da que mantén a estrutura esquelética pero á que saca brillo coa axuda de Quincho nas guitarras: “True Love Will Find You in the End”.
A compilación desas doce cancións chega da man de Ferror Records, discográfica da súa cidade, ao igual que o núcleo de colaboradores: Alberto Amigo (Todo el largo verano) ao baixo, Quincho (Espejos y Diamantes, Carrero Bianco …) guitarras e mesmo voz en “Take Your Broken Heart and Make it into Art”, baterías de Óscar Millarengo (Bang74) … A edición física está limitada a 100 copias dun CD digifile de coidado deseño a cargo de Alberto Amigo, nunha sorte de calendario onde cada mes/canción ten a súa ilustración. Ben chulo e moi pop, como tiña que ser.
Pepe Cunha, 26-abril-2019