Prometedores anos 20 para o pop-rock en galego. Colaboración de Pepe Cunha para Nós Diario o 25 de xullo

Setembro 28, 2024

Ilustración de Pruden Tatuaxes para Nós Diario.

O 25 de xullo ‘Nós Diario’ repasou toda a actualidade da música galega nun especial e o director de Ábrete de Orellas encargouse de repasar o panorama pop-rock en galego, o seu contexto, as consecuencias do bum de Tanxugueiras, os puntos fortes e algunhas eivas. Ofreceu ademais unha lista de propostas que abrangue nomes populares e outros máis agochados.

Prometedores anos 20 para o pop-rock en galego.

Nos últimos anos a popularidade e a produción de músicas cantadas en galego acadaron cotas inéditas. Nestas liñas centrámonos no “pop-rock”, esa etiqueta que todas entenderemos malia a falla dunhas fronteiras estilísticas claras. De feito, o nome que nos vén á mente para explicar a situación actual de maior atención é o das Tanxugueiras que, desde músicas tradicionais combinadas con contemporáneas ou urbanas, creceron até se converter nun fenómeno estatal vía o Benidorm Fest na televisión pública española. Antes delas, podemos considerar tamén un factor importante esa pandemia que nos recluíu nas casas e estimulou a curiosidade de moitas por atopar e compartiren na Internet expresións artísticas e lúdicas na nosa lingua. Aquí cumpriu o traballo de medios dixitais máis ou menos precarios, varias iniciativas claramente militantes coa lingua e cultura propias e o labor de moitas docentes nos centros de ensino.

Así se foi alimentando esa relación demanda-oferta, creouse o fervedoiro que temos diante, cunhas produción e receptividade estendidas alén do folk e o rock máis combativo. E aconteceu malia unha ausencia ou eiva decisiva que talvez teñen en mente. Refírome a unha carencia que vén de lonxe porque un mesmo hai doce anos, en “O galego alén do folque” -artigo que acheguei a “Terra da Fraternidade”- xa aludía á anormalidade de que o noso altofalante máis valioso, o que debe priorizar o noso, non cumpría coa súa obriga. A Corporación de Radio e Televisión de Galicia e, xa de paso, os medios subvencionados polo goberno da Xunta, apostaron polas cancións en galego ben pouco, sen convicción ou con honrosas excepcións. Vale, ultimamente mudaron un chisco a actitude, porque hai ruxerruxe, porque fóra son recoñecidas as mencionadas Tanxugueiras ou Baiuca e porque as máis recentes Mondra, Lontreira, The Rapants, Grande Amore ou Fillas de Cassandra entran nos carteis de festivais, aínda que poucas veces en prime time ou como cabeza de cartel. Agás en contadas excepcións (Revenidas, Zas, Pardiñas, Carrilanas de Esteiro, O Condado …) entran aos poucos. Xa sabemos que o asunto é mover moita xente, vender billetes, e aí o que vai en galego segue a ser segundo prato malia tratarse de cartos que achegamos as galegas vía Xacobeo. Se se emprega diñeiro público, que tal un chisco de discriminación positiva para coas nosas artistas?

Isto sería algo lóxico ou necesario de atendermos ao coñecemento aínda cativo por gran parte da poboación de intérpretes na nosa lingua. Disque decreceron os prexuízos pero segue latente o descoñecemento do que hai, dunha crecente produción musical e a calidade e variedade que deseguido repasaremos para constatar que estamos nun momento propicio para mudar a situación. Cómpre comunicación, visibilidade, divulgación, presenza nos medios. Iso é o que falta para asentarmos algo semellante a unha escena, unha industria. O de agora é mal-subsistir con subvencións, contratacións puntuais de administracións ou algo de esmola nos festivais argallados cos referidos cartos públicos. Fronte a isto temos vimbios abondos para construír, principalmente unha oferta creativa que medrou considerablemente. Recibimos un público interesado que tamén crece. Contamos con produtoras e managers que se moven e venden. Non faltan estudios de gravación e produtores/enxeñeiros de son veteranos como Ajeitos, Vaqueiro … e mesmo “fetiche” como o Hevi, Iago Pico, Berto, crnds, Iago Blanco. Resisten locais para tocar e argallar xiras que nos dean música ao vivo cando non é época de festivais … Botemos só unha ollada atrás, a cando case eramos un chisco condescendentes co pouco que había en galego. En troques, agora discutimos sobre bluffs, oportunismos, discos que sorprenden, que ocupan un lugar orfo en galego, marabillas á altura do que chega de fóra, publícanse libros como GaliciaMusicalidade … e até houbo beef (controversia, rivalidade, loita dialéctica) entre Boyanka Kostova e Hugo Guezeta.

Repasados os ingredientes, semella claro que falla presentar ben á mesa. Prestaría darmos á xente lugares onde escoitar música en galego e, sobre todo, esixirllo á radiotelevisión de todas. Hai décadas poderían escudarse no descoñecemento porque, no caso que nos ocupa do pop-rock, non eran tantas propostas como agora, pero canto máis tempo pasa máis tarde chegan. Sen ir máis lonxe, pensemos no fenómeno Tanxugueiras, que permeou antes vía Madrid. Na TVG e na Radio Galega pasaron de ser outro nome esporádico nos programas do noso ente público a aparecer nas noticias e en programas especiais. Elas, apoiadas nun traballo previo constante, foron o couce definitivo para tirarmos abaixo o portón dos prexuízos. Elas mesmas recoñecen inspiración e referentes de calidade e compromiso como Leilía, Uxía, Guadi Galego, Mercedes Peón, Sés … que moito non saían na nosa radiotelevisión. Lembremos a pegada do Xabarín Club, do Bravú e aquela billa que se abrira na CRTVG circa 2005-2009. Escoitar cantar en galego era habitual nela e agora sintonizamos Radio Galega Música e alucinamos coa escasa presenza de, precisamente, música galega. E non o fan por poñer música de calidade doutros lugares, porque se valoramos o interese da selección que soa … digamos que resulta cativo.

De quixeren atopar material, terán aquí un repaso de nomes que deberían ser (máis) coñecidos a través da continuidade musical dun medio do país. Imos aló e comezamos pola vella garda, polas bandas que saíron nos tempos do Bravú, o Xabarín e a apertura nos anos do bipartito. Algunha até é anterior! Son formacións veteranas, resistentes, que seguiron aí, editando traballos salientábeis con maior ou menor regularidade, como o punk-rock dos Ruxe Ruxe, o rock clásico tamén con cheiro a país dos Zënzar, os referentes do hip-hop Dios Ke Te Crew, os nun principio serie-B Ataque Escampe, a verbena tropical d’O Sonoro Maxín, a electrónica hedonista de Projecto Mourente. Outras reinventáronse como Grampoder (dúo formado por dous The Homens), Brais Morán (dos Loretta Martin) & Nasaufunk, García MC (ex-DKTC) con Nación Quilombo, a mestizaxe reivindicativa de Dakidarría tirou máis polo galego, o colectivo Rebeliom do Inframundo … E finalmente, as que reapareceron como Os Resentidos, Radio Océano, Lamatumbá ou o dúo de electrónica Fanny + Alexander e con el o proxecto divulgativo-editor de Noel Feáns: A Regueifa Plataforma.

Tras elas contamos con proxectos xurdidos ao longo da década pasada e que achegaron á nosa discoteca máis estilos: os garaxeiros e divertidos Familia Caamagno e Terbutalina, o indie poético de Chicharrón, o universo propio e ecléctico de Berlai, a pegada feminina no rock de Pauliña ou MJ Pérez e máis no pop d’A Banda da Loba … e dous nomes imprescindíbeis e influentes para o panorama que agora celebramos: Guadi Galego e Sés. Canda estas, o regreso de Ugia “A Pedreira” con dous álbums con moito que apreciar. Ademais, recentemente editaron dous nomes con bagaxes abondas: Orquestra Bravú Xangai e Sun Iou; xa leva tres Devalo (dun ex-Nouvelle Cuisine) co ar alternativo dos 80 e o rock progresivo vén con Moura. Finalmente, non quixera deixar de mencionar neste grupo de reinventadas ou máis persoais a Lucía Aldao, Secho, Seso Durán, Manuel Seixas, Mäi, o pop de ukeleles da Ukestra do Medio, e o humor de DeVacas nas súas versións enxeñosas e interpretadas con moito gusto.

A última fornada amosa menos prexuízos estilísticos e abondos proxectos que mesturan os sons tradicionais con electrónica. Atopamos pop desenfadado, verbena, electrónica sofisticada ou rabiosa, rock de guitarras e festivaleiro, mestizaxe co latino, indie rock dos 90 … así que apunten estes nomes ademais dos arriba mencionados: Berto, Leria, Filloas, Amoebo, La Quinkillada, Capital Voskov, Hydn, Catuxa Salom, Exeria … e se me permiten recomendacións máis persoais mencionaría Caamaño & Ameixeiras, Anxo Araújo, Zavala, Carabela, Peña e recuperar o legado de Os Amigos dos Músicos. Quen di que non temos de todo ?

AXENDA

Facebook