CICLO MÚSICAS CON RISCO
Este sábado 15 de decembro Allariz acollerá unha actuación do dúo Primordiais dentro do Ciclo Músicas con risco que organiza a Fundación Vicente Risco en asociación con outras entidades locais. O concerto será nun fermoso salón da Torre Lombarda ás 20.30 h. Compartirán programación con Xoan Curiel ás 24 h no Roi Xordo. Unha excusa perfecta para achegarse até Allariz esta fin de semana.
Ofrecen un concerto íntimo e próximo con bonitas melodías e mestura de letras de sempre e incorporacións da súa colleita
A música ten a capacidade de atraer e crear lazos de unión entre as persoas. Pero iso vivénciase sobre todo na escoita activa, sobre todo na música ao vivo, onde a percepción non se restrinxe só á audición, senón que participan máis sentidos, aumentando así as canles de comunicación.
Primordiais son Marcelo González (voz e percusións) e Luís Martíns (harpa), propóñennos facer que, durante un curto período de tempo nun contexto no que se está perdendo o dinamismo musical como é o salón da casa, esa policromía se recupere enchendo o espazo e ritmos, voces e expresións diferentes. Propoñen sorprender ao habitante co ambicioso pretexto de que participe.