nota:
O “Revenidas en conserva”, o formato especial do festival vilaxoanés para esta edición, anunicia os seus primeiros nomes. O cartel dos concertos de pago estará formado pola incombustible Sés e o folk e blues/rock de Zeltia Irevire o venres 11, que darán paso á cumbia adictiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. O Revenidas, deste xeito, conserva a súa esencia -sempre poñendo o foco nos artistas do país- para celebrar un evento reducido, adaptado a 500 asistentes, tomando as medidas de seguridade necesarias e a prol dunha #culturasegura.
Ante a complexidade de levar a cabo nestes momentos un evento das características do festival Revenidas tal e como se viña celebrando ata o de agora, a organización presenta este “Revenidas en conserva” para ter este ano un punto de encontro co seu público no próximo mes de setembro. A programación complementarase con diversos concertos e actividades de balde, relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona. Tamén terán oco nesta pequena edición do festival os seus habituais showcookings, roteiros e circo completando a súa programación.
A organización do festival quere ter un detalle especial con todas as persoas que non fixeron a devolución da súa entrada e quixeron conservala para o 2021. Todos e todas as que lle amosaron a súa confianza ao festival poderán facerse coa súa entrada para estes concertos de pago do “Revenidas en conserva” a través dunha prevenda con desconto que comeza hoxe mesmo e estará activa ata o próximo martes 25 ás 12h00. A partir dese momento, todo o público xeral poderá adquirir tamén as súas entradas na páxina web do festival (www.revenidas.com).
O Revenidas pode levarse a cabo grazas a público, artistas e persoal traballador, pero tamén grazas ao apoio de varias institucións (Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas a través da súa marca Rías Baixas Fest, a Xunta de Galicia, Xacobeo 21 e Agadic a través da súa marca Fest Galicia,) e patrocinadores privados (Deleite, Mahou, Gadis, Martin Códax, Thunderbich, Torre de Núñez).