Hai uns meses presentabamos un proxecto singular no país, pois fóra xa hai exemplos abondos de artistas que desde outras disciplinas se achegan á música. Non é a primeira vez que canta o actor e titiriteiro Tatán, membro fundador da compañía Tanxarina que tantos bos momentos ten regalado polo mundo adiante. Eigualdeixa, Corasóns ou María Fumaça xa contaron coa súa voz rachada e limitada pero carismática, mais agora falamos dun proxecto de seu. Do seu disco autoeditado “Chapeu” salientabamos a calidade extraordinaria dos músicos e algún letrista participantes, pero o disco corría o perigo de quedar nunha gravación anecdótica. Como acontece noutros casos, a precariedade económica para contratar a banda completa e a falla de canles de divulgación condicionan a repercusión de moitas propostas.
Porén, o gran formato de “Chapeu” que vimos estrear no Pazo da Cultura de Narón foi o exemplo máis claro do carisma enorme do noso protagonista e unha pequena milagre da amizade. O Padroado naronés arriscouse a acoller unha estrea aínda que a sona do artista estivese asociada a outro campo. “Chapeu” veu a Narón cun luxo de banda e, na procura lóxica de maior tirón, dous colaboradores que rebordan carisma e clase: Carlos Blanco e Uxía. Isto só pode ser posible se a xente cre no proxecto e o grado de amizade linda co superlativo. Era unha ocasión única, unha presentación por todo o alto, pero aínda así o aforo do Pazo resultaba máis que excesivo.
Para esquecer esa frialdade de sermos menos de 100 persoas, Carlos Blanco abriu o espectáculo canda Tatán interpretando un último ensaio, cun diálogo ben acaído sobre dúbidas e seguridades e unha semblanza introdutoria do noso protagonista e a nova aventura. Xa no musical, non tardamos en apreciar a maxia de Alberto Vilas ao piano e a alma musical deste proxecto, Pablo Vidal, ao contrabaixo. A banda con diferentes formacións, con ou sen coros e ventos, vai repasando un disco que ao vivo funciona mellor por esa dose de teatralidade de Tatán. Cando máis swing e blues se poñen, mellor resulta e os momentos de big band son do máis salientable, como a banda recreando “All of Me” a metade do concerto. Mais non desmerecen a morna-fado a dúo con Uxía (chegada in extremis de Muros onde presentaba “Canta o Cuco”), o ambiente festeiro que crece cos coros das Mosas (Uxía, Chus Domínguez, Ana Senlle e Blanca Francés) na rumba “O político” e esa brasileira “Mutua de decessos” homenaxeando A Fusa.
Estabamos ante unha presentación e obviamente falta rodaxe, pero a velada convenceu grazas á atmosfera dunhas letras sobre experiencias vividas por un neno ilusionado de 60 anos, as súas presentacións e, sobre todo, á pericia incuestionable dos músicos (os ventos de Manu Payno e Castaño, a batería de Torres, eses solos fermosos de Vidal e Vilas, o sempre versátil Sérgio Tannus…). Coma bis hubo que repetir “A Nonna”, polo que non estaría mal preparar algunha versión que vaia ben ao cantar de Tatán, que non necesita ningunha das esaxeracións que algunha vez escoou. Lembrando aquel programa televisivo faranduleiro e imaxinativo como o Chapeu de Tatán, talvez “sólo no puedes”, pero o que é seguro é que “con amigos, si”. Porque vaia amig@s talentos@s!
Pepe Cunha, 10-abril-2016
fotos de Pixelin Photo e reseña do disco nas ligazóns: