nota:
O Fisterra Blues Experience traza un novo camiño de escenarios e continúa a ser un referente para a promoción da Costa da Morte. Hoxe presentou o cartel para esta edición que contará, entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, con artistas nacionais e internacionais do blues e outros xéneros.
A música comezará a soar o venres, día 30, no Escenario Xacobeo, situado fronte a Praia Langosteira. Ás 21.00h abrirá a noite o concerto de presentación do novo proxecto de Marcos Coll, “Nómade”, que
estará acompañado do guitarrista alemán Stef Rosen. Tamén actuará o trío gaditano La Perra Blanco.
O sábado, día 1, Xurxo Souto fará un roteiro sonoro pola vila (11:30h) mentras no Escenario Fisterra, situado no exterior da Lonxa, comezará o Mercado de Artesanía e Deseño “Un mercado en cada porto”, adicado ás mulleres artesás de Galicia. Estará animado coa música dos pasarrúas Rapacollóns (12:00h) e máis tarde da Brass Atlantic (12:30h e 17:00h).
Situada no Escenario Mar da Fala (Lugar de San Roque), a sesión vermú (a partir das 13.30 horas) contará coa actuación do estadounidense Luke Winslow-King e, pola tarde, a partir das 17:00h, haberá xogos tradicionais e un obradoiro de barquiñas con material de refugallo organizado por sororAs, un espazo de creación e aprendizaxe en igualdade e dende a aplicación da perspectiva de xénero.
Namentres, ás 17.30 horas, chegará o Blues a Bordo, unha travesía musical a cargo de Cruceros Fisterra que será animada por Adrián Costa e o seu maquineto. Será a antesala da segunda velada musical
no Escenario Xacobeo, ao que subirán Alexis Evans (unha das grandes promesas do soul francés), Mojo Mantra (a nova formación de Néstor Pardo, que dará o seu primeiro concerto) e Madame Bird.
O festival chegará ao seu fin o domingo, día 12, cunha nova sesión de Blues a Bordo protagonizada por Adrián Costa (12.30 horas). Despois, o Faro de Finisterre acollerá ao dúo poético aldaolado (13:30h) e á recente banda compostelá Malabesta (14:15h), para rematar coa xa clásica jam session “Conexións Atlánticas”, a cargo de David Regueiro e Mónica Acevedo.
Trátase dunha ampla e variada programación que foi presentada este martes no Castelo de San Antón, nun acto no que participaron Gonzalo Trenor, o delegado da Xunta de Galicia en A Coruña; a alcaldesa, Áurea Domínguez; o concelleiro, Xan Carlos Sar Oliveira; o delegado de Estrella Galicia, José Luís Gómez Regos; e o director do Festival Blues Experience, Vítor Belho.
Gonzalo Trenor felicitou ao festival por estes 7 anos de traballo, situándoo como “un evento de referencia no que as experiencias son a clave diferenciadora e de éxito”. Pola súa banda, a alcaldesa Áurea Domínguez invitou ao público tanto da comarca coma de fóra a que visite, coñeza e goce do marco incomparable que é Fisterra durante esta sétima edición