Presentación brillante de “O mundo está parado”, de Guadi Galego. Cedeira, 17-decembro-2016

Decembro 19, 2016

A presentación ao vivo dun disco sempre é un momento especial, no que se pon especial coidado. É frecuente tirar de recursos económicos e amizades para dar máis valor á ocasión e reflectir o que aparece na gravación. Porén, non sempre é posible que en concertos posteriores se poda repetir e si toque cinguirse a unha formación ou banda base para defender a gravación e facilitar a contratación. A banda base de Guadi Galego é do mellorciño do país e un seguro de fiabilidade e calor pero, como xa comento na reseña do disco novo, hai un punto maior de sofisticación no acompañamento musical.

O tradicional concerto de Nadal da Universidade de Vigo posibilitou contar con 4 músic@s aos ventos e outr@s 4 ás cordas, así coma máis colaboradores de luxo, pero a artista cedeiresa non quixo que a cousa quedase aí. Teimou en levar ese formato á súa vila, ao modesto auditorio de Cedeira, en 2 sesións, e ben agradecid@s que estaremos que non poideramos estar entre semana no García Barbón.

En Cedeira repetiron case todos para dar ese brillo exquisito: o piano de Abe Rábade, o acordeón de Santi Cribeiro e o clarinete de Pablo Pascual, ademais do cuarteto de cordas e 3 ventos máis para acompañaren os habituais Isaac Palacín (batería), Paco Charlín (baixo) e as guitarras de Carlos Abal e Guillerme Fernández. Guadi estivo coma sempre na voz e amosouse especialmente feliz por levar aos seus as cancións con ese vestido fermoso. Abriron con “Vida” e pecharon a listaxe principal con “Cedeira” e nos bises con “Matriarcas” e “Mergullei”. Entre elas, interpretacións por momentos moi emocionantes de todas as dun disco que chegou en pouco máis dun mes a 1000 exemplares vendidos (nestes tempos e no noso país!!!). De “Lúas de outubro e agosto” non podía faltar tampouco “Chea de vida” cantada co público e “Quixera” do disco “Espido” (a dúo co Guille e probábel xerme desta etapa). A que si botei en falla foi esa visita ao disco “Benzón” coa “Xota do 9 de abril” que tanto me abraiou na anterior xira.

As interpretacións con cordas e metais dan un acabado grandioso a “O mundo está parado”, “Vas cara arriba”, “Dende que marchaches” ou “Tribu”. E qué dicir do acordeón de Cribeiro en “Canción para ver” ou o piano de Rábade en “O privilexio é soñar”! Sumádelle a iso a carga emocional dunha presentación diante da túa xente.

Agardemos que cada vez máis xente se achegue para constatar a categoría deste disco; e que este inicio de xira teña repetición polo menos nas vilas grandes do país. As cancións e a interpretación pagan moito a pena e suman calidade nesa loita de crer e divulgar tanto bo que temos no país.

Pepe Cunha, 19-decembro-2016

AXENDA