PortAmérica, o macrofestival que resiste. Nigrán, 18 ao 20 de xullo de 2013

Xullo 31, 2013

Son tempos case suicidas para os macrofestivais, pero a produtora viguesa Esmerarte segue a apostar por eles e a resposta de público está a darlles a razón. A segunda edición do PortAmérica, e o seu predecesor Vigo Tr4nsforma, mantivo ben o tipo repetindo a fórmula de conxugar artistas con moito tirón con actuacións menos frecuentes e rechamantes desde o punto de vista mediático. Aqueles garanten unha cantidade de público suficiente e estas espertan interese en ouvidos máis exquisitos ou abertos. A oferta global complétase con artistas xeograficamente máis próximos -iso si, en horario pouco arriscado- e bandas recoñecibles para un público medianamente atento á actualidade. Xa fóra do musical, o festival ofrece outros actractivos: degustación a prezos módicos dos petiscos de 6 cociñeiros pertencentes ao Grupo Nove Cocina, diversos postos de venda e promoción de iniciativas de corte máis alternativo, un espazo amplo para moverse e curtas distancias á zona de acampada e Praia América.

Visto en conxunto e coa perspectiva duns días, o balance musical é positivo. Como boa parte do público acode máis atraída polos ganchos (Editors, Vetusta Morla, Supersubmarina, Lori Meyers, The Gift … ) que por descubrir outras propostas (alá eles!), comezaremos o repaso por eses “reclamos”. Editors era o gran nome en canto a bandas internacionais e soaron impecables; iso si, cun volumen excesivo ou innecesario, algo que aconteceu con outras bandas. Non defraudou o seu son básicamente revivalista dos anos post-punk duns Echo and the Bunnymen aos que suman a épica duns U2. Vetusta Morla teñen un directo que adoita convencer a propios e estraños. Ademáis, as expectativas nesta actuación eran maiores por tratarse do único bolo no que a grandes festivais na Península se refire. Lamentablemente, faise difícil saborear completamente o seu directo debido ao comportamento de boa parte do público masivo que arrastran. Creceron moitísimo nos últimos anos e chegaron a un público estraño á escea dos festivais, neófito nunha escea alternativa supostamente ávida de sensacións menos “mainstream”. Si, xa sabemos que hai moita pose, pero neste caso semella que moitos os descubriron no boca a boca das pandillas que van a un concerto como quen vai a un botellón e ten a música no coche: agora unha foto, agora corear un retrouso, recitar toda unha letra brazos en alto ao tempo que abanean vaso de cervexa e cigarro. Caso similar ao de Supersubmarina, aínda que a proposta destes nin por asomo se achega en calidade ou complexidade á formación xurdida de Tres Cantos. Probablemente foron o gran bluff se falamos de grupos de moda, pois non son faltan bandas máis interesantes ca eles, cuxo concerto resultou realmente insípido. Lori Meyers tamén son un grupo de moda, pero aquí con merecemento porque xa falamos dunha bagaxe de varios álbumes e un feixe de cancións resultonas de pop bailable e letras con carga xeracional como “Emborracharme”, “Luces de neón”, “Mi realidad”ou “El tiempo pasará”, onde Anni B. Sweet subiu a acompañar en dúo vocal. Os portugueses The Gift volveron amosar que son unas féras do directo, que chaman a atención de quen os ve por primeira vez e entreteñen a quen repiten. O seu directo reborda colorido, entrega e calidade sobre os alicerces dunha frontwoman de primeira (Sónia Ribeiro), un namorado da composición pop (Nuno Gonçalves) e uns músicos solventes que transmitem enerxía e un esmerado traballo previo.

Entre as bandas máis habituais nos últimos anos en xiras e festivais, Los Coronas confirmaron que son o grupo instrumental do momento, cun nivel que hai tempo que salta fronteiras. Os anos onde tiraban basicamente do surf-rock deron paso á permeabilidade, a outros ritmos que acabaron por enriquecer o seu son e os seus concertos. Son un valor seguro para case calquera cita que recorra a eles. Estiveron impecables a base de composicións propias e versións tan recoñecibles como o “Flamenco” dos Brincos. Arizona Baby tocaron a boa hora, aínda de día pero fronte un público abondo e ávido. Arredor das 9 a xente acaba de chegar (moita desde a praia) e está fresca para enfrontarse ás horas de música por vir. O seu estilo engancha por recoñecible e por presenza e eles proveitaron para sonar tan ben coma sempre, desta vez en cuarteto.
Standstill puxeron a nota de risco e, para moit@s, sorpresa do PortAmérica. Presentaron case ao completo o seu novo traballo e amosaron que paga moito a pena deixarse levar pola posta en escea dos seus traballos conceptuais presentados a base de luces, proxeccións e unha sobria interpretación musical. Delafé y las Flores Azules volveron transmitir a súa dose de optimismo e comuñón co público. A posta en directo do seu “hip-pop” adoita ser ben recibida entre o público por ben executada e asequible, algo ben acaído nun festival destas características: variado e veraniego. La Habitación Roja teñen un feixe de cancións boas e solventes pero, malia súa veteranía, non acaban de chegar a un notable en directo. Jorge non é precisamente un alarde de carisma e fai comentarios que só lle perdoan ou pasan por alto os fans, como contar as cancións que quedan ou reprochar o cambio de horario que sufriron. Como se agardaba, a interpretación de “Ayer” foi dos grandes momentos do festival. A vertente electrónica posta por Delorean soou innecesariamente alta pero fixo bailar a un público predisposto ou aínda con forzas.

Como dicía ao principio, ocasións coma esta do PortAmérica permiten a presenza de bandas, neste caso principalmente latinoamericanas, que nos visitan moi de vez en cando. Os mexicanos Café Tacvba son uns grandes do rock feito en Latinoamérica aínda que por estes lares sigan a ser carne de curios@s. Nunha hora de concerto rebordante de carisma ofreceron ska e corrido (ritmos menos cool para o público indie), pero tamén experimentación, funky, disco e incluso unha coreografía dos seus catro membros orixinais que quedará nas retinas como punto álxido da noite do sábado. Non defraudaron e volveron facerse merecedores da reivindicación da súa produción, complexa e ecléctica. As outras propostas chegadas de Arxentina e Colombia cumpriron sen chegar, nin moitos menos, a tanto: o rock alternativo a cabalo entre os 80 e os 90 de Él mató a un policía motorizado deixou frío ao público menos devoto da primeira etapa duns Planetas, por nomear un referente en castelán. Os colombianos Bomba Estéreo, se cadra polas horas avanzadas da noite, apostaron máis pola súa vea electrónica e machucona que a dos ritmos tradicionais que os fai máis especiais e atractivos. Menos lineais e volvendo a Europa, mención para o concerto dos austríacos Gin Ga que, por entrega, non escatimaron a oportunidade de se daren e a coñecer ante tanto público, con enerxía, ganas de baile e un eclecticismo estilístico aínda por madurar pero que lembra uns primeiros Talking Heads, cunha sólida guitarra e sintetizador herdeiro dos 80, ademáis do apoio ocasional dun violín acelerado. Nesta liña de guitarras sumadas ao revival bailable dos 80 resultaron bastante máis interesantes que Sala & The Strange Sounds, por exemplo.

Por mor dos horarios temperáns e a reserva de forzas para ver as cabezas de cartel, os artistas locais e algúns estatais (Amado Ferreiro, Sethler, Niño y pistola, The Soul Jacket … ) e mesmo os arxentinos Banda de turistas a chilena Francisca Valenzuela contaron con pouco público. Afortunadamente, servidor puido gozar da actuación dun Fon Román que estivo realmente ben acompañando os seus debuxos e melodías á guitarra coa base rítmica de Los Coronas e Sex Museum: Javi Vacas e Loza. Quen si contaron con público e aceptación foron as “sorpresas” que apareceron no palco (o dúo de Xoel López ao ukelele con Iván Ferreiro o venres antes de Lori Meyers e Eladio á guitarra acústica o sábado antes de Vetusta Morla). Dicímolo entre “ ” porque son parte da escudería Esmerarte, como outros nomes que repetiron participación nestes macrofestivais vigueses. Xa que logo, agardamos curiosos que nos deparará a vindeira edición? Terán que repetir bandas? Hai capacidade de sorpresa no cartel?

Mantendo esa liña de combinar bandas lationamericanas e europeas e esperando que se afine nalgunha mellora loxística ou erro (volumen máis consistente e zona de baños, por exemplo), esperamos vernos no PortAmérica 2014. O resultado desta edición de 2013 ben merece a nosa confianza.

Pepe Cunha, 31-xullo-2013

AXENDA

Facebook