PortAmérica 2015, éxito sen incidencias. Nigrán, 16,17 e 18 de xullo.

Xullo 21, 2015

A cousa pintaba ben. A cuarta edición do PortAmérica non ía sofrer como o ano pasado. Desta vez os partes meteorolóxicos pronosticaban que non habería choiva. Estamos en Galiza e cáenos auga en calquera época do ano, o que xa outorga un punto de heroicidade ás organizacións, pero o venres da edición pasada fora un golpe moi duro para a organización. Afortunadamente esta reaccionou con celeridade e do xeito máis razoable posible, sacando adiante con éxito a xornada do sábado e, en boa parte, preparando a continuación neste 2015. A evidencia máis clara é que conseguiron poñer no cartel esas bandas que quedaran sen tocar.

PortAmérica é un festival grande, que esixe dunha diversidade de propostas que acheguen diferentes públicos e así garantir a súa viabilidade. Sen amosar propostas estilísticas máis agochadas ou exquisitas (para iso xa está o SinSal) ou puramente “indies” (cito o Festival do Norte e así completo o conxunto dos Festivais Rías Baixas), resulta unha oportunidade de ver artistas de ambas beiras do Atlántico. A disposición alterna dos concertos en dous escenarios posibilita que o público poda ver todo e goce do que xa coñece ou da sorpresa, mais tamén de crear debate sobre gustos e preferencias: un poñería tal banda en tal escenario e a tal hora, e outra todo o contrario, pero a organización sabe por que fai as cousas e, como no fútbol, todos levamos un seleccionador dentro.

Xa nada máis chegar vemos que o Porto do Molle non é o sitio máis bonito pero si un emprazamento cómodo cando estamos a falar de miles de asistentes e unha infraestrutura que acolle tamén postos de avituallamento e venda, promoción de co-cooking e espazo abondo para nos mover. Ademais o son estivo realmente ben e os concertos máis multitudinarios podían escoitarse desde a distancia. Pero vou xa co resumo xeral da parte musical nos horarios centrais de cada xornada. As bandas que entran no cartel antes das 9 e, xa en menor medida, as de despois das 2 da mañá sofren menor presencia ou atención de público. As cousas sempre foron así: cadaquén sinala no programa en función das preferencias e dosifica das forzas. Polo menos quen imos os 3 días.

Xoves
Tiña moitas ganas de ver ao vivo a talentosa rapeira franco-chilena Ana Tijoux, pero o concerto estaba programado cedo e fóra da fin de semana, o que significou que tocase a pleno sol e con pouco público. Estivo simplemente ben, con momentos como “1977” que empataron co aínda escaso público, pero sen chegar a crear moita calor. Algo semellante me produciu Villanueva, proxecto vigués que repetía este ano (a organización tira moito d@s artistas da súa escudería e a zona de Vigo, pois o festival é un escaparate da zona, non o esquezamos). O seu concerto non foi gran cousa malia a entrega que puxo a banda de Josete en pezas como “Bombas nucleares” ou “Ahogándonos”. Iso si, xogar na casa permite sorpresas como que Nicolás Pastoriza subise para interpretaren unha boa versión do “Porque te vas” de José Luis Perales popularizado por Jeannette.
Os mexicanos Little Jesus foron a sorpresa do PortAmérica 2015. Viñan avalados por varios premios da música independiente do seu país co álbum de debut e responderon ás expectativas. O que eles chaman “tropipop” leva consigo baile, desenfado da man de temazos como “Azul” ou “Cretino”. Deberían repetir nalgunha vindeira edición.

Había tempo que non gozaba tanto dun concerto de Siniestro Total, e penso que foi unha opinión bastante xeralizada. O seu foi un concerto intenso e divertido que gañou a complicidade do público desde o comezo con “Yo dije Yeah!”. Non escatimaron en interpretar cancións tan recoñecibeis como “Somos Siniestro Total”, “Miña terra galega”, “Matar jippies en las Cíes”, “Ayatollah”, “Bailaré sobre tu tumba”, “Ay, Dolores”, “Cuanta puta y yo que viejo”, o “momento poético” ben acaído para un festival “Vamos muy bien”, “Camino de la cama” … pero tamén “Superavit”, “Chico de ayer”, “Paseando por el agua” ou unha versión do “Downtown” (“Miau Miau”) que coñeciamos do proxecto Transportes Hernández y Sanjurjo.
Co sorriso na cara cambiamos de escenario para ver que nos tian preparados os daneses The Asteroids Galaxy Tour, unha aposta da organización para esa hora. Pop-funky de aires retro e algún que outro chisco á psicodelia como ingredientes que garantían polo menos baile e así foi, pero digamos que os bos momentos non sumaron a festa que cabería esperar.

The Skatalites entraron no cartel a unha semana vista coma substitutos dos mexicanos Molotov e as súas propostas pouco ou nada teñen que ver. Ambos nomes poden soar a concerto divertido e bailable pero a franquicia de música xamaicana (os membros orixinais foron caendo cos anos) ofrece un baile máis relaxado que o da banda que tivo que cancelar a súa xira. Soaron tan ben como lles temos visto, pero a esas alturas semellaba que o público quería máis forza. Nin “Latin Goes Ska”, “Simmer Down” ou “My Boy Lollipop” coa entrañable Doreen Shaffer na voz ou “Phoenix City” provocaron a merecida tolemia.
Servidor si que foi dos que se entregou aos Skatalites e tiña que dosificar, polo que dúas cancións de Killer Barbies abondaron.

Venres
Calle 13 e Vetusta Morla eran os nomes “gordos” dos que non puidemos gozar o ano pasado pola tormenta eléctrica. Obviamente isto noutouse na afluencia de público ás súas actuacións. Os primeiros, cunha formación numerosa no escenario, non escatimaron en intensidade, ritmo e interacción co público. Están moi arriba, ao marxe de estilos ou modas, aínda que a situación actual acolla ben as súas mensaxes contra abusos e inxustizas e a súa inspiración en ritmos populares e folclóricos de Latinoamérica: “Atrévete te te”, “El aguante”, “Baile de los pobres”, “No hay nadie como tú” … Todo un furacán de vitalidade e concienciación.

A banda madrileña téñenos acostumados a uns directos notabeis, que convencen a fans e non-fans. Porén, na terceira canción, se non me falla a memoria, algo fallaba e, aínda que se subsanou, o concerto non tería xa a forza do principio. Polo menos iso fun contrastando con outras opinións no que quedaba de festival. Téñennos acustamados a concertos impecabeis e este, sen ser malo, pode ser a excepción … Iso si, recomendo deixar a un lado prexuízos e velos polo menos unha vez.
Entre ambas bandas, os Buzzcocks constataron que non chega só cun feixe de himnos da mellor época punk (“Ever Fallen in Love”, “Orgasm Addict”, “Promises”, “What do i Get?”…) para que unha actuación supere o aprobado. O ano pasado a aposta por outra lenda si fora todo un éxito con The Sonics. A ver que “vella gloria” nos trae a organización para o PortAmérica 2016.

Novedades Carminha aproveitaron a gran cantidade de público tras Vetusta Morla. Foron tan directos como as súas cancións, sinxelas e pegadizas, e gozaron da compaña do locutor de Radio 3 Ángel Carmona á guitarra en “Vaquilla” e a versión de “Et moi et moi et moi”. Amor con amor se paga, que se di, pois o apoio mediático da emisora pública inflúe, e moito, na confección dos carteis festivaleiros, como ocorre tamén cos Neuman, segunda actuación da xornada. Estes teñen algunhas cancións con gancho e coreabeis como “Turn It”, “Tell You” ou “Bye Fear/Hi Love” pero hai moitas bandas que achegan algo máis ao panorama independente e non soan con tanta insistencia nesta Radio3 de hoxe.

Alí tamén soan outras dúas bandas da escudería Ernie, Pasajero e Niños Mutantes que si entregaron uns concertos máis que convincentes. Os primeiros confirmaron con contundencia o bo material dos seus dous discos, coas subidas e baixadas das súas composicións e himnos inmediatos como “Intocables”, “Protégelo”, “Borro mi nombre” ou “Gente subterránea”. A banda veterá de Granada acumula en oito álbumes un repertorio e amosa unha consistencia na voz e os instrumentos envexble por moitas bandas recentes. Entre as muescas que dispararon do seu cargador de cancións, “Errante”, “El futuro”, “Hermana mía”, “Las noches de insominio”, “Hundir la flota” (con referencia aos abusos para co pobo grego) …

Entre ambas bandas, a viguesa Eladio y los Seres Queridos fixo un concerto correcto tirando a soso máis celebrado por quen coñecen as cancións notabeis dos seus últimos dous discos. Agás a versión de Charly García “Los dinosaurios” ou “Niño salvaje”, a maior parte das elixidas gañan máis un ambiente máis recollido que o do escenario máis grande. Como anécdota, invitaron ao cociñeiro roqueiro Pepe Solla a acompañalos en “El tiempo futuro”.

Sábado
Os cabezas de cartel do sábado non defraudaron en absoluto, aínda que Xoel López e os de Neil Hannon quedaron un chanzo por riba dos demais. Marcáronse unhas actuacións impecabeis cun repertorios notabeis e manexados con habilidade. O coruñés gozou de maior complicidade do público por un son máis roqueiro e as ganas de cantar da parroquia. O éxtase acadouse con “Que no”, pero non quedaron lonxe “Yo sólo quería que me llevaras a bailar” ou “Historia universal” moi celebradas, así como “A serea e o mariñeiro”, “Almas del Norte”, “De piedras y arena mojada”, “Por el viejo barrio” ou a interpretación de “El asaltante de estaciones” o mellor exemplo do estado de confianza no seu momento creativo e a súa banda, onde distinguimos a Miguel Rivera (Maga) ou o solicitado Charlie Bautista nas teclas. Xoel López, puro espíritu do festival, non só por ser o buque insignia da produtora Esmerarte senón pola súa proposta musical.

Neil Hannon tiña en fronte moito público en estado de excitación festivaleiro-festeira, devecendo por máis decibelios e potencia, pero o norirlandés dom(in)ou ese balbordo a base de carisma, comentarios simpáticos e cancións fantásticas: “Tonight We Fly”, “Generation Sex”, “National Express”, “A Lady of a Certain Age”, “Our Mutual Friend” …. Evidentemente, a maioría do público celebraba as máis “movidas”, pero era o momento exquisito, elegante do PortAmérica e The Divine Comedy deleitou a quen quixemos aprecialo. Encantadores o Neil Hannon e os seus 4 músicos.

Entre as 8 e media e as 10 vivimos hora e media de clara influencia estadounidense. Arizona Baby amosaron unha vez máis que a súa sona é froito de moitos quilómetros e concertos na mochila. O seu folk-rock, acústico, de sombreiro e pó nas botas, engancha con quen os ve por primeira vez e non frouxea a reputación entre quen repiten. As arengas do Meister ( influencia clara de Fernando Pardo no proxecto Corizonas) e o virtuosísimo do señor Marrón á guitarra sempre teñen o seu aquel, mais servidor prefíreos máis cando repasan cancións como as do seu último disco (“Wooden Nickles”, “It Helps if you Sing”, por exemplo) que cando estenden as cancións ao vivo. Deseguido no escenario “La playa de los ahogados” uns The Soul Jacket que se están a abrir máis camiño co seu terceiro e estupendo álbum “Black Cotton Limited” (2014) que nos 10 anos anteriores de traxectoria. No PortAmérica amosaron que soan realmente auténticos e se moven cunha soltura sobresaínte no seu repaso polos estilos norteamericanos. Referencias desde os Allman Brothers e Lynyrd Skynyrd até os Black Crowes, e chiscos dun Joe Cocker ou Neil Young, do que versionaron, non por casualidade, o “Southern Man”. Este broche final quedoulles memorable coa boa compaña do mencionado Ángel Carmona noutra guitarra.

Jenny and the Mexicats e Mi capitán foron dúas bandas que semellaron ter máis potencial que efectividade. Os primeiros teñen presenza, en especial coa alta e loira Jenny na voz e a trompeta, pero o seu punto mestizo (penso nuns Vaya con Dios ou Mink de Ville algo máis latinos) non se acaba de plasmar nunhas cancións efectivas. Resultoume unha proposta frouxa, mais desexo velos dentro dun tempo. En canto á “superbanda” barcelonesa (músicos de Egon Soda, Love of Lesbian e Standstill), entrega momentos moi bos (“Es suave la voz” ou a versión do “Alta suciedad” de Andrés Calamaro) e contaxia ver sete músicos (3 guitarras eléctricas!!!) gozando no escenario coas súas cancións, pero non teñen ese algo máis que probablemente consigan en pouco tempo. En xustiza, debemos estar atentos, pois levan poucos concertos e andan sobrados de maneiras.

Con moitas horas de música en pé, os meus concertos do sábado remataron con Supersubmarina. O seu nome era un dos atractivos do cartel pola cantidade de público que congregaron; e algo de confesional, dogma ou fe debe ter a súa proposta porque non entendo este éxito. Se se me permite a boutade de aspirar a razoar minimamente gustos e sentimentos, non caso ningún dos meus índices de valoración ou sensibilidade. Paréceme unha proposta excesivamente previsible ou pouco lograda, con letras insulsas e un par de ritmos tirando a monótonos, do menos interesante que vin neste PortAmérica 2015. Porén, benvidos sexan se a súa popularidade garante que o festival teña público abondo para vender miles de entradas, manterse e seguir a ofrecernos un bo feixe de propostas variadas e de calidade.

Como anecdóticas as miniactuacións sorpresa na carpa do showrocking a cargo dalgúns artistas, aínda que o de Iván Ferreiro xa non é ningunha sorpresa no PortAmérica. En definitiva, un balanzo máis que positivo deste PortAmérica 2015. Para a seguinte edición agardamos se manteña este festival grande con equilibrio de estilos e a presenza dalgún nome sopresa que consoliden.

Pepe Cunha, 21-xullo-2015

AXENDA