Encher de intensidade unha sala e hora e media de concerto está á altura de moi poucos artistas. Onte a Sala Capitol tivo unha entrada máis frouxa do agardable debido talvez a que o protagonista viña sen acompañamento. Craso erro. Quen nos consideramos un chisco connoisseurs nisto do POP, sabiamos que era unha cita ineludible e fomos recompensados. O compositor, músico e produtor británico deu aos seus 64 anos unha lección maxistral de elegancia, calidade e entrega que nada ten que ver cunha estrela do pop-rock sobrevivindo na estrada grazas a glorias pasadas e a nostalxia dos fans.
Para abrir a xira española, chegou armado co arsenal de xoias que está entregado nos últimos anos e as vellas pezas que o subiron a ese segundo ou terceiro chanzo dun podium de recoñecemento popular. Obviamente, o máis recente “The Old Magic” foi o álbum máis visitado, pero desde a primeira nota de “Stoplight Roses” o público quedou a mercede do que nos quixese tocar. Lowe amosouse elegante, humilde e cunha voz e son impecables. Tan absorta estaba a maioría do público que ninguén tiña présa por escoitar as míticas “Cruel To Be Kind” ou “(What”s So Funny “Bout) Peace, Love, and Understanding”. Sempre hai alguén que fala ou berra algunha petición, pero desta vez foron unha anecdótica minoría.
As duascentas persoas, entre as que a madurez era predominante, gozamos de toda a grandeza que se pode tirar do pop cunha acústica. Non só pop, máis hedonista, reflexivo ou melancólico, senón tamén pingas de rockabilly, soul ou country, ían sucedéndose en cancións curtas interpretadas con intensidade máxima, con exquisito coidado en cada acorde e cada sílaba. Asemade, as poucas pausas eran breves e ben acaídas, fosen para agradecer a asistencia e os sinceros aplausos, comentar algunha das cancións elixidas ou beber dunha infusión que axudase a manter a voz nun correcto nivel.
Ademais do mencionado e recomendabilísimo “The Old Magic” (“Til The Real Thing Comes Along” “House For Sale”, “Sensitive Man”, “I Read a Lot”, “Somebody Cares for Me” …), entregou cancións de toda a súa traxectoria, coma produtor e compositor, como “Heart”, “Rome Wasn”t Built in a Day”, “I Live on a Battlefield”, “She”s Got Soul”, “Tokyo Bay”, tempos de Rockpile (“I Write The Book”), de Brinsley Schwarz (“I Knew the Bride”l) … e o peche nun único segundo bis con “Allison”, onde esqueceu o final. Bendito fallo! Mención especial para “I Trained Her to Love Me”, interpretada cun simpático e lene chisco de teatralidade.
Houbo quen devecía por un acompañamento mínimo para completar a grandeza musical sen minar o protagonismo da lírica de Lowe, pero os axustes económicos mandan e o mestre preparou unha emocionante clase de one-man band: a sabiduría dunha carreira condensada nun feixe de interpretacións impecables e repartidas sen altibaixos. Natural e encantador, consciente da súa experiencia vital, Nick Lowe é todo un exemplo de saber embellecer e envellecer no mundo do rock and roll.
Pepe Cunha, 7-abril-2013