Manuel María xa era un dos poetas máis musicados do noso país, pero este ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas está a selo máis aínda. En boa parte grazas ao traballo da colección Sonárbore da Editorial Galaxia, que volve presentar un libro-disco fermoso para o público infantil e, por extensión, familiar. Tras “Canta o cuco” con Uxía e Magín Blanco no musical e Leandro Lamas nas ilustracións, chega agora “Teatro do guiñol” con Pirilampo e Iván R. respectivamente.
Esta formación coruñesa especializada en música infantil en galego tirou composicións ben acaídas dos libros “As rúas do vento ceibe”, “Os soños na gaiola” e “Terra Chá”. Disque a maioría non foran musicadas anteriormente pero aquí atopamos outros aires sonoros para “A fala” que fixera Uxía en “Andando a terra” ou “O meu cuarto” e “Teatro do guiñol” , que aparecían combinados no mencionado “Canta o cuco” e aquí teñen cadansúa canción. Predominan os ritmos tradicionais, folque, pero tamén hai achegamentos ao pop-rock e até ska (“O galo”) para cantarmos “A Natureza”: “O vento”, “A neve”, “Anduriñas” … Mais tamén ten presenza unha realidade máis íntima en “O meu cuarto” (que retrouso tan pegadizo!) ou “Poemiña do señor regato do Cepelo” e a mencionada reivindicación do idioma.
No prólogo, o sempre entusista Xurxo Souto comenta que os Pirilampo son “un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”. Nesta ocasión conseguen reflectir a musicabilidade dos versos do poeta da Terra Chá en “O bolo”, “O meu cuarto”, “Neve”, O galo” ou “Biografía da muiñeira”.
Pepe Cunha, 23-marzo-2016