Se ben o coñecimos como vocalista e beatmaker dos Ezetaerre, o porriñés Peter Petrowski leva unha década a producir e facer remesturas para un feixe de artistas, aínda que non sempre fosen nomes populares do panorama galego. Con este primeiro álbum de seu quixo celebrar estes dez anos e xuntou máis de vinte artistas e bandas coas que ten traballado. Todo un proxecto colaborativo de once pezas propias e no que só nunha ocasión aparece el só como intérprete: “Contrapoder”, talvez a máis herdeira do seu pasado reivindicativo con Ezetaerre, que tamén participan en “Pollo frango”.
“O mellor de cada casa” pon por diante un espírito festeiro que durará até a final “Cando caia o sol” pero, en conxunto, “All-Stars” está moi ben equilibrado en canto ás ganas de festa e baile convivindo con boas doses de sofisticación ou detallismo dunha “Nablus”, por exemplo. Cómpre moito traballo, gusto e sapiencia para aglutinar con coherencia este tsunami de rap combinado con trap, reggae, house, sons urbanos varios, electrónica máis dura … e Petrowski xustifica unha reputación que foi crecendo e que o fai un nosos produtores e técnicos de son mellor considerados.
Tanto por todo o que ofrece “All-Stars” como disco como por conter temas que funcionan tan ben como os mencionados, “Agora”, “La canción”, “Poeira” ou “Estela”, este é unha das gravacións a salientar da colleita de 2024, malia a dificultade de levalo ao directo, cousa que se fixo na Sala Rebullón probablemente como ocasión única.
Pepe Cunha, 14-xaneiro-2025
repertorio
1.O mellor de cada casa (con Temible Olivina e TIAM Gz)
2.Contrapoder
3.A vida é así (con Nadie González, xmaseda65 e Mr.Mati)
4.Estelas (con Amorodo e García MC)
5.Agora (con Hugo Guezeta, MJ Pérez e Nuria Vil)
6.Pollo frango (con Basukinho e Ezetaerre)
7.La canción (con ARISCA)
8.Love Bombing (con Lidia LChao e ST)
9.Nablus (con Cousxs)
10.Poeira (con Flow do Toxo e O Rabelo)
11.Cando caia o sol (con Gabri Dakidarría, Ganjack e Willow GHZ)